“Sophie non é o meu nome de guerra”, de Redrum Teatro, representarase no Centro dotacional de Torroso, en Mos, e a comedia “O furancho”, de Ibuprofeno Teatro, farao no Auditorio municipal de Salceda de Caselas. Ambas actuacións serán as 20:00 horas
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 29 de novembro o circuíto +Escénicas ao concello de Mos da man do espectáculo sobre a migración “Sophie non é o meu nome de guerra”, a cargo de Redrum Teatro, e ao concello de Salceda de Caselas da man da comedia “O furancho”, a cargo de Ibuprofeno Teatro. Trátase de dúas actuacións enmarcadas na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Sophie non é o meu nome de guerra” representarase ás 20:00 horas no Centro dotacional de Torroso de Mos e fala da migración forzada a través da vivencia persoal dunha muller que loita por ser libre, por amar e ser amada. Trátase dun espectáculo baseado nunha historia real, que que pon o foco na realidade da trata de mulleres con fines de explotación sexual.
Pola súa banda, “O furancho” representarase ás 20:00 horas no Auditorio municipal de Salceda de Caselas e propón unha divertida comedia protagonizada por Marián Bañobre e Isabel Risco na que dúas emprendedoras terán que salvar distintos obstáculos para levar a cabo o seu soño de abrir un furancho.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.



