HomePontevedraO PP de Pontevedra advirte da retirada de papeleiras e o deterioro...

O PP de Pontevedra advirte da retirada de papeleiras e o deterioro do mobiliario urbano nas rúas da Parda

- Anuncio -spot_img
  • Rey: “Lores ten abandonado o barrio, unha realidade que calquera pode comprobar paseando polas súas rúas e que nos trasladan os propios veciños e veciñas desta zona en expansión”
  • A edil popular esixe a reposición das papeleiras e a mellora dos bancos, dos sinais de tráfico, a instalación dunha marquesiña para os usuarios do bus fronte ao Conservatorio e o asfaltado da contorna da avenida Virxinia Pereira

A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Beatriz Rey advertiu do deterioro progresivo do mobiliario urbano e da retirada de papeleiras en varias rúas do barrio da Parda, unha situación que está a xerar “continuas queixas da veciñanza ante o evidente menosprezo do goberno do BNG de Lores”.

Rey apuntou especialmente á “desaparición” de papeleiras na avenida Virxinia Pereira, na rúa Maruxa Maio e na rúa da Abundancia “sen previo aviso ás comunidades de veciños nin información sobre se teñen intención de repoñelas ou substituílas por outras novas despois de tanto tempo sen elas”.

A edil do PP de Pontevedra lembrou que toda a contorna do centro de saúde da Parda, da escola infantil e do conservatorio Manuel Quiroga “carece de papeleiras suficientes ou conta con modelos antigos que xa non existen noutras partes da cidade, o que deixa en evidencia o abandono e a falta de hixiene das rúas. A isto hai que sumar os bancos deteriorados e insuficientes para atender a demanda dunha área en continuo crecemento”.

Por outra banda, os populares insisten na necesidade de instalar unha marquesiña para os usuarios do autobús fronte ao Conservatorio, asfaltar as rúas en mal estado, pintar correctamente as prazas de aparcadoiro para persoas con mobilidade redudida e substituír as sinais de tráfico “rotas, sucias e obsoletas, ao pesar de que hai dous anos se aprobou unha moción do PP no Pleno municipal para poñer fin a esta deixadez de funcións por parte do goberno local”.

A concelleira popular reclamou que A Parda, un dos barrios máis poboados de Pontevedra, conte cos mesmos servizos, a mesma calidade do mobiliario urbano e a súa reposición inmediata en caso de danos. “Lores ten completamente abandonado o barrio da Parda, unha realidade que calquera pode comprobar paseando polas súas rúas e que nos trasladan os propios veciños e veciñas desta zona en expansión”, afirmou.

Finalmente, Rey lembrou que as beirarrúas levantadas leven meses agardando reparación e que continúa sen instalarse unha marquesiña diante do Conservatorio, unha demanda reiterada que “o BNG segue ignorando deliberadamente”: “Menos mirar para outro lado e máis actuacións urxentes para recuperar a dignidade que a Parda merece”, concluíu.

Publicacións Relacionadas