HomeXunta de GaliciaTurismo de Galicia pon en valor o investimento que destina ao impulso...

Turismo de Galicia pon en valor o investimento que destina ao impulso turístico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

- Anuncio -spot_img

Xosé Merelles referiuse nun foro sobre o turismo na zona fronteiriza con Portugal aos cinco proxectos europeos nos que participa a Xunta no eido turístico

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá no foro sobre o presente e futuro do sector na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, organizado polo Club Financeiro de Santiago. En concreto, Merelles interveu nunha mesa sobre a estratexia turística na Eurorrexión, na que destacou a magnífica colaboración fronteiriza, que cristaliza en catro proxectos turísticos, así como unha iniciativa propia sobre o Camiño de Santiago.

Durante a súa intervención, Merelles referiuse á cooperación territorial entre ambos territorios, cunha longa traxectoria baseada nos lazos culturais, económicos e sociais que comparten. O director de Turismo de Galicia destacou, neste ámbito, o Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), exemplo de cooperación empresarial e sector turístico que se financia en parte a través de fondos FEDER.

Merelles destacou os catro proxectos en marcha dentro deste Programa, como son o Turislab, a Aceleradora Transfronteiriza de Proxectos Turísticos Innovadores de alto impacto, sostibles e de calidade; o Clúster Transfronteirizo de Turismo na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal CLUSTERTUR_GNP; a iniciativa Visit Minho Plus, que busca consolidar a marca Rio Minho e crear novos produtos turísticos transfronteirizos; e GERÊS_XURÉS_MAIS_SUSTENTÁVEL, que pon o foco no reforzo da sostibilidade da actividade turística na Reserva da Biosfera Transfronteiriza. En total, os proxectos teñen un importe total de 4,86M€, dos que Turismo de Galicia asume 1,39M€.

O director de Turismo de Galicia destacou tamén o Camiño de Santiago como exemplo da relación entre ambos territorios. Das 526.696 Compostelas emitidas no que vai de 2025 (un 6% máis que no mesmo período de 2024), 22.544 foron a persoas de Portugal. Os Camiños Portugués e Portugués da Costa permanecen como os máis transitados, só por detrás do Camiño Francés; en concreto, o da Costa experimentou un crecemento do 20% no que vai de ano.

Estas cifras favorecen a creación de proxectos transfronteirizos como o Interreg Ultreia Sudoe, dotado con 1,4M€. Como destacou Merelles, “esta iniciativa busca fortalecer a cooperación entre territorios do suroeste europeo para mellorar a xestión, promoción e sustentabilidade dos Camiños de Santiago”. Para o período actual, o de 2024-2026, estase a poñer o foco na accesibilidade e inclusividade e no desenvolvemento de HUBs territoriais, un deles instalado no Cebreiro. Ademais, destacou Merelles, “estase a traballar na celebración dun Seminario Internacional en 2026, accións formativas sobre inclusividade, e a próxima reunión de socios, que terá lugar en Galicia”.

O director da Axencia destacou tamén o traballo da cooperación institucional promovida a través da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT). Constituída en 2008 pola Xunta de Galicia e a CCDR-NORTE (Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal, I.P.), preséntase como o  axente dinamizador e de interconexión da Eurorrexión para a promoción de intereses e obxectivos comúns.

Mercado portugués

O grupo de visitantes procedentes de Portugal constitúe o primeiro mercado estranxeiro da comunidade conforme aos datos do aloxamento hoteleiro. Entre xaneiro e outubro deste ano visitaron Galicia 252.503 turistas portugueses e en total, contribuíron ao gasto de turismo na comunidade con 190M€ (+20% sobre o mesmo período de 2024), o que supón un peso do 9,5% no turismo internacional na comunidade galega.

Publicacións Relacionadas