A fronte nacionalista reclama á Dirección Xeral que inspeccione esta talla “realizada por motivos estéticos e paisaxísticos” e aplique medidas correctoras ou sancionadoras
Critica a falla de resposta á solicitude para suspender esta corta de árbores diante das deficiencias do informe do Concello para xustificala
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero ten que gardar dunha vez por todas a motoserra e respectar o dereito das viguesas e vigueses a unha cidade verde con máis árbores”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de trasladar denuncia polo novo arboricidio de Abel Caballero no Castro perante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Valedora do Pobo. A fronte nacionalista reclama ao organismo da Xunta que inspeccione esta talla “realizada por motivos estéticos e paisaxísticos” e aplique medidas correctoras ou sancionadoras.
O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, alertou de que o Concello iniciou este martes a corta de varios exemplares no monte vigués ignorando a solicitude de suspensión rexistrada polo BNG o pasado 19 de novembro. Un escrito no que a fronte nacionalista cuestionaba o informe municipal empregado para xustificar esta talla -por non axustarse o documento á normativa legal e por carecer das mínimas condicións técnicas- e que non recibiu resposta.
“Estamos diante dun episodio máis do arboricidio permanente que impón o alcalde-leñador Abel Caballero”, criticou Igrexas, lamentando que o Goberno local “insista no máis absoluto desprezo” contra o arboredo da cidade. “Maltrata cun deficiente mantemento as árbores, que acaba eliminando sen xustificación, e as reduce a postes para luces de Nadal”, afeou.
O portavoz nacionalista asegurou que quedou en evidencia que a motivación destas tallas no Castro foi por motivos paisaxísticos e estéticos, a pesar de ir contra a normativa, en lugar de polo mal estado dos exemplares como aducía o estudo da concesionaria e do Concello. Por este motivo, o BNG solicitara a elaboración dun novo estudo axustado aos parámetros técnicos para evitar unha “agresión ambiental irreversíbel no corazón da cidade”.
Denuncia na Valedora do Pobo
A xuízo das nacionalistas, a falla de resposta á solicitude de suspensión supón un “novo exemplo de autoritarismo” do Goberno de Caballero, por considerar que vulnera os dereitos de dereitos fundamentais de participación e información da cidadanía e dos grupos políticos municipais. Unha cuestión que o Bloque vai trasladar á Valedora do Pobo xunto á denuncia por “mala administración” en relación á talla de árbores.
“Son feitos graves que non poden ficar impunes”, advertiu Igrexas, quen chamou o alcalde a “gardar dunha vez por todas a motoserra e respectar o dereito das viguesas e vigueses a unha cidade verde e sustentábel con máis árbores e non menos”.



