HomeXunta de GaliciaA Xunta destaca a implicación do sector alimentario galego coa redución das...

A Xunta destaca a implicación do sector alimentario galego coa redución das emisións e a introdución de criterios sostibles nos seus procesos

- Anuncio -spot_img
  • Paula Uría salienta que grazas a esta iniciativa, impulsada da man do Clúster Alimentario de Galicia, formouse a un total de 76 profesionais sobre riscos climáticos, medición da pegada de carbono e hídrica e estratexias ambientais
  • Considera que aínda que o camiño cara á descarbonización é esixente, supón unha “oportunidade para modernizar a economía e protexer o territorio” e anima ao sector a aproveitar as capacidades adquiridas no marco deste programa

A Xunta de Galicia destaca a implicación demostrada polo sector alimentario galego en materia de redución das emisións de gases contaminantes así como a súa aposta pola introdución de criterios ambientais nos procesos para avanzar cara a unha transformación sostible da produción.

Así o salientou esta mañá a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, durante a clausura da xornada de presentación de resultados do programa PROALIS-CARBON, unha iniciativa impulsada hai uns meses pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) con Vegalsa-Eroski como empresa tractora, co obxectivo de reducir as emisións do sector e avanzar na transición climática.

Para o desenvolvemento do programa deseñáronse unha serie de accións formativas mediante as cales as empresas alimentarias e os seus empregados tiveron a oportunidade de adquirir coñecementos e ferramentas para avanzar en termos de sostibilidade e eficiencia.

Tamén se fixo unha diagnose das empresas participantes a través do envío dun cuestionario para recoller información sobre as súas prácticas ambientais e poder facer unha posterior análise de cara a elaborar posibles recomendacións, así como reunións co persoal para ofrecer titorizacións sobre recollida e análise de datos.

En concreto, a directora xeral explicou que nos últimos tres meses un total de 76 profesionais do sector se formaron a través de obradoiros teórico-prácticos sobre cuestións relacionadas cos riscos climáticos, a medición da pegada de carbono e hídrica nos procesos produtivos e a responsabilidade ambiental empresarial a través de estratexias Lean & Clean para axudar ás empresas a reducir as súas emisións de CO2.

Así mesmo, un total de 24 empresas participaron tamén no traballo de diagnose inicial e 16 foron avaliadas máis a fondo para coñecer o seu nivel de madurez climática. Ademais, cinco das firmas que colaboraron no programa recibiron un acompañamento individualizado para avaliar a súa situación actual e axudarlles a dar pasos clave a futuro para avanzar no cálculo da súa pegada de carbono e nos seus plans de descarbonización.

Durante a súa intervención, Paula Uría puxo en valor o esforzo que está a realizar Galicia para avanzar na redución dos combustibles fósiles e cara á neutralidade climática, metas para as que será clave a futura Lei do clima autonómica, actualmente en tramitación parlamentaria e que pon o foco no clima como eixo transversal das políticas públicas da Xunta.

De feito, esta nova norma márcase como reto principal dotar a Comunidade das ferramentas, órganos e instrumentos necesarios para garantir a consecución da neutralidade climática (o equilibrio entre as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e as absorcións) no horizonte do ano 2040, é dicir, unha década antes do prazo fixado pola Unión Europea.

Neste sentido, a responsable autonómica considerou que aínda que o camiño cara á descarbonización é “esixente” tamén ofrece unha grande “oportunidade para modernizar a economía, fortalecer a competitividade e protexer o territorio”, tres cuestións clave para que Galicia continúe sendo un “referente en acción climática”.

Por iso, animou ao sector da alimentación na Comunidade a seguir amosando o seu compromiso coa implantación de enerxías renovables, a economía circular ou a valorización de subprodutos alimentarios, materias nas que xa parten dunha base sólida e nas que considerou que poderán avanzar aínda máis grazas ás capacidades, ferramentas e coñecementos adquiridos grazas ao programa PROALIS-CARBON.

Publicacións Relacionadas