Pérez Barral garante que o Bloque continuará traballando ao lado da veciñanza e anuncia unha oposición seria e construtiva
O portavoz municipal do BNG e exalcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, denunciou no pleno a aprobación dos Orzamentos de 2025 que as contas aprobáronse “sen o debido diálogo, sen participación veciñal e proxectan un retroceso na capacidade de investimento do Concello”. A formación nacionalista optou pola abstención, que cualificou como “un exercicio de responsabilidade coa veciñanza”.
Pérez Barral lembrou que estes son os primeiros orzamentos tras a moción de censura do pasado 13 de outubro, “unha manobra para a que non existía ningunha motivación coñecida” e asegurou que, a día de hoxe, “seguimos sen coñecer o acordo asinado entre o Partido Popular e o Partido Barbanza Independente. “O novo goberno é legal, pero carece de lexitimidade social. A cidadanía ten dereito a saber que compromisos se pecharon e con que prezo político”, afirmou para logo recriminar que o goberno local de PP-PBBI seguen sen detallar que actuacións pretenden levar adiante no municipio algo que se reflexa na pouca ambición do propio orzamento presentado.
Orzamentos presentados sen participación veciñal e con só dous días de análise
O BNG criticou tamén as formas, ao recibir a documentación dun orzamento de 29 millóns de euros con apenas dous días de antelación, fronte aos 12 dos que desfrutaba o PP para analizar as contas cando Pérez Barral estaba na Alcaldía.
“Pretenden aprobar un orzamento feito á prensa nun despacho, de costas á veciñanza e sen diálogo cos grupos municipais. Volven as vellas fórmulas do ordeno e mando”, denunciou Pérez Barral. Non se contou nin co tecido social, nin cultural, nin deportivo nin económico, ao contrario do traballo realizado polo BNG cando gobernaba, “escoitando ás parroquias e construíndo os orzamentos desde abaixo”.
Retroceso nas contas de case o 6% e ausencia de proxectos clave
O BNG cualificou o documento económico de “pouco ambicioso” e alertou dunha redución do 5,88% respecto ao ano 2024, o que supón “menor capacidade para atender necesidades e realizar investimentos que melloren a calidade de vida da poboación”.
Pérez Barral mostrou a súa preocupación por dous proxectos estratéxicos como son a residencia de maiores e o polígono industrial. Sobre o novo polígono industrial o goberno destina 0 euros, malia estar practicamente resolto o atrancos administrativos para iniciar a súa construción. Con respecto da residencia pública non aparece a disposición orzamentaria para a compra de ningún terreo se é que Política Social desbota definitivamente o terreo das Saíñas. “É unha temeridade renunciar a proxectos estratéxicos que levamos anos defendendo e preparando. Hoxe queda claro que só buscaban facer ruído político”, afirmou o portavoz.
O BNG tamén puxo de manifesto a falta de compromiso da Xunta de Galiza con Ribeira en comparación co resto das administracións. Así pois, mentres o Concello recibe 8.150.000 euros do Goberno do Estado e 3.200.000 euros da Deputación da Coruña, a achega da Xunta é de tan só 3.000.000 euros, malia contar con recursos 58 veces superiores aos da Deputación. Ademais de reducir fondos, a Xunta “non aporta financiamento suficiente para servizos da súa competencia”, como o Servizo de Axuda no Fogar que debería financiar o 100% tal e como marca a lei e tan só achega 12 euros por hora cando o custo real chega aos 21€, e continúa incrementando taxas como a de Sogama, cunha subida do lixo próxima ao 9%, que xa supera 1,1 millóns de euros anuais para Ribeira. Para o BNG, estas cifras evidencian que o goberno galego “non só non apoia ao municipio, senón que o afoga economicamente”.
O traballo do BNG garantiza a maior parte dos investimentos do próximo ano
Pérez Barral lembrou que o 99% dos investimentos previstos para 2025 proceden da planificación anterior do BNG, incluíndo proxectos e financiamento xa asegurado.
Entre eles, destacou a maior consecución de fondos europeos conseguida nunca en Ribeira con 6,5 millóns de euros que permitirán a revitalización de Banda ao Río, coa nave da Cerqueira como eixo central. Outros proxectos planificados e cos cartos para executar son: grada do campo de fútbol de Carreira, parque infantil de Aguiño, pavimentación da avda Rodríguez Bautista e Buenos Aires, saneamento en Cristal (Olveira), saneamento na Ponte (Artes) e nos Muíños (Oleiros), abastecemento de auga na rúa Agriña (Palmeira), etc.
Puxo en valor os 5,5 millóns investidos en dous anos e medio nas parroquias en saneamento, abastecemento e pavimentación. Ademais, criticou a “débeda e o sobrecusto herdados do PP”, lembrando desviacións de máis de 6 millóns de euros en obras e a situación da gasolineira de Xarás, “que pode custarlle 2 millóns á cidadanía”.
Un goberno máis centrado en atacar á oposición que en defender as contas
Dende o BNG lamentouse que o pleno estivera marcado por intervencións do goberno “dirixidas ao ataque persoal e non ao debate político”. A formación denunciou que membros do executivo recorreran a referencias á vida privada de Pérez Baral mesmo con comentarios inapropiados sobre cuestións de saúde, “unha actitude impropia de representantes públicos e totalmente afastada do respecto”.
O BNG garante responsabilidade e disposición ao diálogo
Pérez Barral concluíu facendo unha chamada á serenidade e á defensa dos intereses da veciñanza: “O BNG non está na Corporación Municipal para bloquear nada. Tendemos a man para sacar adiante proxectos que melloren Ribeira, pero sempre con transparencia e dicindo a verdade.”
“Seguiremos cumprindo coa nosa palabra, coa responsabilidade e seriedade que nos caracteriza, e coa convicción de que este municipio merece un goberno honesto, que escoite e que actúe con lealdade cara á xente” concluíu.



