“Maceiras no Camiño”, iniciativa financiada polo GALP Costa Sostible, arrincou coa plantación de cen árbores autóctonas por alumnado de Adisbismur, do CEIP Ramón de Artaza e do IES As Ínsuas, coordinados pola Asociación Muros Vila de Auga e Sal
Recuperar unha tradición histórica que axuda ao peregrino. Con este obxectivo a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia vén de poñer en marcha a iniciativa “Maceiras no camiño”, un proxecto de restauración ambiental desta ruta xacobea a través da plantación de maceiras nas beiras do Camiño. A proposta, financiada a través do GALP Costa Sostible, estase a desenvolver grazas á colaboración do CEIP Ramón de Artaza, o IES As Insuas e o centro ocupacional Adisbismur, coordinados pola Asociación Muros Vila de Auga e Sal.
“Hai moitos anos, nas beiras dos Camiños de Santiago había moitas árbores frutais: pereiras, cerdeiras, ameixeiras… e moitas maceiras, polo que os peregrinos podían coller unha mazá, recuperar forza e seguir o seu camiño. Pero estas árbores foron desaparecendo co tempo”, explica Montse París, da Asociación Muros Vila de Auga e Sal, coordinadora do proxecto, quen indica que “o que pretendemos facer agora é plantar maceiras no Camiño da Ría de Muros Noia que dean sombra e alimento, ademais de encher de cores e mazás a nosa ruta xacobea”.
Un cento de maceiras plantadas
Como parte inicial do proxecto, alumnado do CEIP Ramón de Artaza y Malvárez e do IES As Insuas, ambos centros de Muros, en colaboración con persoas usuarias do centro ocupacional Adisbimur plantaron xa un cento de maceiras de variedades autóctonas e aclimatadas ás condicións ambientais e meteorolóxicas da ría. Unhas maceiras identificadas cun cartel co símbolo da campaña, “Maceiras no Camiño”, no que se indica expresamente que os froitos desas maceiras están ao dispor dos peregrinos, ademais de agradecerlle, no seu caso, á persoa propietaria da parcela onde se realizou a plantación.
Entre as variedades plantadas figura, por exemplo, a “Tres en cunca” ou tamén chamada “Cacharela” ou “De inverno”, recollida en Santa María de Roo (Noia). Trátase dunha mazá de moita calidade que madura agora en novembro e gárdase ata abril. A maiores, tamén se plantaron e se plantarán maceiras de especias como Tres en rama, Morena raiada, Ollo mouro, De pebida, Grande plana estriada, Camoesa, Reineta do país, Mingán, Pero rico, Príncipe, Reineta de cedo e De pedra doce.
Montse París sinala que “escollemos maceiras porque son fortes e resistentes, medran en case calquera terreo, teñen un tempo de maduración moi longo, dan froito cada ano e cada variedade ten un sabor distinto”. Ademais, pon en valor que sexan rapaces e rapazas da comarca os encargados da súa plantación xa que “o Camiño é historia viva e cada mazá que dea será unha lembranza de que a natureza e as persoas camiñamos xuntas. Pero tamén de que eses nenos e nenas, coas súas árbores, son xa parte do Camiño da Ría de Muros Noia”.



