O acto será o sábado ás 20:00 horas nos Cines Municipais da Ramallosa e contará coa presenza, entre outros, do seu fillo, o recoñecido actor e titiriteiro Tatán Cunha
O libro describe en primeira persoa o purgatorio que supuxo para milleiros de españois a estancia forzosa nos campos de concentración franceses tras a finalización da Guerra Civil española
O Concello de Nigrán remata o seu ‘Mes da Memoria’ este sábado 29 de novembro ás 20:00 horas nos Cines Municipais do Centro Comercial A Ramallosa coa presentación do libro póstumo de Santiago Rodríguez Salinas ‘Illote P, Barraca 16’. O acto contará coa presenza do seu fillo, Eduardo Rodríguez, máis coñecido no mundo do teatro e dos títeres como Tatán Cunha; Juan González, alcalde do Concello de Nigrán e historiador memorialista; Montse Fajardo, xornalista e escritora; e Carlos Méixome, historiador e memorialista da represión franquista. O libro relata na primeira persoa de Santiago Rodríguez Salinas o purgatorio que supuxo para milleiros de españois a estancia forzosa nos campos de concentración franceses tras a finalización da Guerra Civil española, un texto que escribíu nos anos oitenta e que agora publica a editorial Galaxia.
Salinas fuxíu a Francia en febreiro de 1939 e estivo internado nos campos de Saint Cyprien, Le Barcares e Argelés ata o retorno a España, onde foi internado noutro campo en Reus. En ‘Illote P, Barraca 16’, achéganos a vida ali, onde a súa longa estadía lle permitiu coñecer e vivir intensa e extensamente os feitos que se narran, todos reais, e que amosa o grande espírito de acomodación e de improvisación dun pobo que soubo sobrepoñerse á traxedia e, con estoicismo, moitas veces heroico, resolver con inventiva e graza innatas, situacións difíciles, convertendo en cómico o que doutro xeito puido ser tráxico.



