Terá lugar durante toda a mañá no centro educativo e inclúe a actuación da Escola de Música de Nigrán, o Grupo5Raspao e o Coro Covacanta&Los del Barro
O Concello de Nigrán e o CEIP Humberto Juanes celebran este sábado 22 de novembro ‘O día Internacional da Música’ a partir das 11:45 horas e ata as 13:45 horas nas instalacións deste centro educativo. Para a ocasión ofrecerase cadanseu concerto a cargo da Escola de Música de Nigrán, o ‘Grupo5Raspao’ e o ‘Coro Covacanta & Los del Barro’. Como complemento, durante toda a mañá estará instalado un mercado de segunda man e unha cantina cuxa recadación destinarase ao intercambio con Manchester (levan 20 anos de intercambio lingüístico-cultural con Manchester, en concreto co colexio Saint John’s do barrio de Chorlton).
Para esta conmemoración a Escola Municipal de Música de Nigrán presentará o seu combo e o seu coro, mesturando ambas modalidades (11:45-12:00 horas); a continuación o grupo miñorano ‘5Raspao’, composto por 4 rapaces, ofrecerá un concerto de rock e pop (12:15-12:45 horas); e, finalmente, o ‘Coro Covacanta’ de Baiona, formado por 34 nenos e nenas dirixidos por Nuria Zúñiga, unirase á banda miñorana ‘Los del Barro’, para versionar xuntos clásicos de Miguel Ríos, Alaska, Leiva, Dani Fernández… Finalizará ás 13:45 horas.



