+Convivencia 2025 pecharase coa visita de 60 persoas do Concello de Tui ao Centro de Interpretación do Parque Natural Monte Aloia
A Deputación de Pontevedra remata este sábado, 29 de novembro, as saídas programadas ao abeiro de +Convivencia, cunha última actividade que levará a un grupo de 60 persoas do Concello de Tui a visitar o Centro de Interpretación do Parque Natural Monte Aloia. En total, no 2025 participaron neste programa promovido polo servizo de Benestar Social do organismo provincial máis de 15.000 veciños da provincia.
+Convivencia, cun crédito de 275.000 euros (un 25% máis que na primeira edición), permitiu que 233 entidades sen fins de lucro coñeceran o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. Neste ano, a Deputación ofertou un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. As excursións ás Illas do Parque Atlántico (Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora) foron as máis demandadas cun total de 117 saídas organizadas.
Todas as propostas estaban abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia. A Deputación concedeu a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que xestionaran e deseñaran con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local.



