Home Deputacións Deputación Ourense Luis Menor alerta dos recortes do Goberno central no servizo de Correos...

Luis Menor alerta dos recortes do Goberno central no servizo de Correos no rural e reforza o seu compromiso coa mellora dos rueiros municipais

0
3

O presidente provincial mantivo un encontro de traballo cos representantes sindicais de Correos en Ourense, Javier Carballo (UGT) e Paz Saavedra (CCOO), co obxectivo de analizar a situación actual do servizo postal, especialmente no ámbito rural da provincia

“Estamos ante outro ataque ao noso rural, que se suma ao peche de cuarteis, á redución de frecuencias do AVE a Madrid e a outros recortes que privan á veciñanza de servizos básicos e contribúen ao seu desmantelamento”, afirmou Menor

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo un encontro de traballo cos representantes sindicais de Correos en Ourense, Javier Carballo (UGT) e Paz Saavedra (CCOO), co obxectivo de analizar a situación actual do servizo postal, especialmente no ámbito rural da provincia.

Durante a reunión, os representantes sindicais trasladaron a existencia dunha perda progresiva de servizos, sinalando que en moitos concellos non se está garantindo o reparto obrigatorio de cinco días semanais, o que supón un deterioro evidente na atención á cidadanía. Ademais, alertaron de que as oficinas e recursos que antes se destinaban ao rural están a desprazarse cara zonas urbanas, que tampouco dispoñen dunha cobertura plena.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, cualificou esta situación como “un novo recorte do Goberno central contra o rural”, enmarcando esta problemática nun contexto de decisións que, segundo indicou, están a prexudicar gravemente aos municipios da provincia. “Estamos ante outro ataque ao noso rural, que se suma ao peche de cuarteis, á redución de frecuencias do AVE a Madrid e a outros recortes que privan á veciñanza de servizos básicos e contribúen ao seu desmantelamento”, afirmou Menor.

A Deputación reforza o seu apoio aos concellos

No encontro tamén se puxo en valor a actuación da Deputación para contribuír a mellorar a prestación do servizo de Correos no rural. Nesta liña, Menor lembrou que a institución provincial puxo en marcha unha liña de axudas dotada con 100.000 euros destinada aos concellos para actualizar os seus rueiros e xeolocalizar vivendas, co fin de facilitar o traballo diario do persoal de reparto.

Dada a elevada demanda municipal, esta liña darase continuidade nos próximos anos, co obxectivo de que todos os concellos da provincia dispoñan dun rueiro actualizado que permita unha prestación máis eficaz e organizada dos servizos públicos.

Recoñecemento dos sindicatos

Pola súa banda, os representantes sindicais agradeceron a atención da Deputación e valoraron positivamente o traballo que se está a realizar. “Grazas por atendernos e, sobre todo, por comprobar que realmente se están facendo cousas. Que desde a Deputación se estea a traballar na actualización das direccións é fundamental para que a xente do rural se sinta menos desprotexida”, sinalaron.