A alcaldesa, Inés Rey, avanzou hoxe que o percorrido da carreira, que no 2026 chegará á súa XVIII edición, se detallará nos vindeiros días, “con novidades respecto a este ano”
Comeza a conta atrás para realizar a XVIII edición do medio maratón da Coruña, a C21, que volverá ás rúas da cidade o día 1 de marzo e que abrirá o seu prazo de inscricións o vindeiro luns 1 de decembro.
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que nos vindeiros días se detallará o percorrido da carreira e avanzou que “haberá novidades no trazado con respecto á edición previa”, na que a portuguesa Vanessa Carvalho e o keniano David Korichei foron os vencedores na chegada a meta.
O que xa está confirmado é que o medio maratón do 2026 aparellará, un ano máis, a disputa dunha proba complementaria de cinco quilómetros, a 5K, “unha carreira de menos percorrido, pero que está a ter unha grande aceptación porque está aberta á participación dun público máis amplo, que, ademais, tamén se anima posteriormente a inscribirse no circuíto Coruña Corre, con probas que teñen distancias moi similares”.
Cómpre lembrar que en febreiro deste ano, cando se disputaron a C21 e a 5K —coa participación de 4.000 persoas entre ambas as probas—, a proba dos cinco quilómetros rematou cun fito histórico: por primeira vez desde que se puxeron en marcha estas competicións, a participación feminina superou a masculina.
As persoas interesadas en tomar parte na C21 e na 5K do 2026 poderán formalizar a súa participación a través da páxina web de Carreiras Galegas, a partir do luns, nesta ligazón.



