HomeA Coruña“Narón adestra en igualdade”, a campaña que implica o deporte local contra...

“Narón adestra en igualdade”, a campaña que implica o deporte local contra a violencia de xénero

- Anuncio -spot_img

O deporte de Narón súmase desde hoxe a unha nova chamada colectiva pola igualdade. O Concello vén de poñer en marcha “Narón adestra en igualdade”, unha campaña que sitúa a sensibilización e a concienciación contra a violencia de xénero no centro das prácticas deportivas do municipio.

A iniciativa, financiada polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, foi presentada este xoves pola alcaldesa, Marián Ferreiro, xunto á concelleira de Igualdade e o de Deportes. Na súa intervención, Ferreiro subliñou que Narón mantén “un compromiso firme por seguir avanzando cada día na loita contra a violencia de xénero”. Por iso, indicou, a campaña pon o foco no deporte “para que clubs e entidades conten con ferramentas claras que lles permitan identificar e frear comportamentos machistas e se convertan en aliados activos deste labor colectivo”.

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, María Lorenzo, explicou que o Concello traballará directamente co tecido deportivo local para detectar necesidades reais. “Queremos saber que situacións atopan no día a día, dende comentarios fóra de lugar ata actitudes que non tocan”, sinalou. Ademais, anunciou que no primeiro trimestre do ano que vén ofrecerase unha formación específica orientada aos axentes deportivos “para aprender a previr estas condutas e actuar correctamente en prol da igualdade, tamén no deporte”. A súa implicación, afirma, é “imprescindible para garantir que o deporte sexa un espazo seguro para todas e todos”.

O edil reponsable de Deportes, Ibán Santalla, destacou o peso desta área na cidade e o seu papel como ferramenta de transformación social. “O deporte move Narón e debe ser un piar fundamental na loita contra a violencia de xénero”, asegurou. A campaña busca que as entidades dean “un paso adiante e se convertan en axentes activos a prol da igualdade”, dixo lembrando que “o deporte tamén é educación en valores, e para avanzar necesitamos sumar”.

A campaña inclúe a difusión de vídeos informativos nas redes sociais municipais, nos que a alcaldesa e os edís de Igualdade e Deportes achegan a súa propia mensaxe sobre os obxectivos da iniciativa. Complétase con materiais informativos —carteis e adhesivos con código QR á Guía Punto Violeta—, accións nas redes sociais e unha enquisa previa aos clubs para coñecer protocolos e detectar necesidades.

O Concello anima o tecido deportivo local a sumarse á iniciativa e a participar nas accións previstas co fin de fortalecer un espazo deportivo municipal seguro, igualitario e comprometido coa tolerancia cero fronte á violencia de xénero.

Publicacións Relacionadas