A Concellaría de Innovación leva impulsado nos últimos anos diferentes iniciativas encamiñadas a fomentar o interese pola ciencia entre a poboación. A Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia, que celebra arredor do 11 de febreiro, ou o festival Pint of Science, que xa ten datas para a próxima edición (do 18 ao 20 de maio), son algunhas das plataformas coas que pretendemos dar visibilidade ao traballo que desenvolven as investigadoras e os investigadores locais e contribuír a fomentar as vocacións científicas.
Nesa mesma liña, a área que dirixe Iván Andrade ten asinado un convenio co Grupo de investigación en cambio ambiental (GRICA) da Universidade da Coruña para impulsar outras actividades que levan o coñecemento científico á sociedade. Dentro dese acordo de colaboración xa se teñen realizado diferentes accións, entre elas un interesante obradoiro sobre a saúde do Anllóns no que participou alumnado do IES Alfredo Brañas. Os estudantes recolleron mostras no propio río e analizáronas no laboratorio, e as conclusións foron moi esperanzadoras, xa que non se detectaron problemas de contaminación na canle.
Pero tamén queremos analizar as consecuencias do cambio climático, e nesta investigación contamos coa colaboración do IES Parga Pondal, onde se desenvolveron este mércores dúas das tres sesións divulgativas para alumnado de 4º da ESO que ofrecerá o GRICA. Nas charlas, tituladas Cambio climático? Si, pero non así, Armand Hernández, investigador do departamento de Física e Ciencias da Terra da Universidade da Coruña (UDC) e membro do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), abordou a realidade climática actual dende unha perspectiva rigorosamente científica e cun enfoque divulgativo pensado para o alumnado. O obxectivo principal foi desmontar ideas baseadas en opinións ou crenzas persoais e lembrar que o estudo do clima depende da análise conxunta de múltiples variables e de metodoloxías científicas contrastadas.
Durante as sesións tratáronse cuestións como o papel das placas tectónicas, os volcáns, as emisións de dióxido de carbono, o metano ou outros factores que inflúen na evolución climática. Os estudantes puideron comprobar que os datos observados en períodos curtos non sempre reflicten a tendencia global, e que só coa análise a longo prazo é posible entender que a temperatura media do planeta está a aumentar de maneira sostida.
O relator tamén explicou que isto non significa que non poida haber descensos puntuais de temperatura nalgúns lugares, pero que esas variacións non invalidan a tendencia xeral ao quentamento global.
Esta iniciativa, que pretende formar ao alumnado nun dos temas máis relevantes e decisivos do presente e do futuro, terá continuidade o 16 de xaneiro cunha xornada titulada Viaxe pola historia do clima da Terra, dirixida ao alumnado de 1º de Bacharelato.
Ciencia para peques
Dentro do convenio de colaboración entre a Concellaría de Innovación e a Universidade da Coruña para impulsar o coñecemento científico á sociedade tamén se inclúen actividades para familias que forman parte do programa Apego. Despois dos interesantes obradoiros sobre formación e observación de fósiles e sobre a Lúa, que se levaron a cabo meses atrás, para o 3 de decembro están programadas dúas sesión do taller Matemáticas con xeito, co que pretendemos estimular o enxeño e a creatividade dos e das peques menores de 6 anos!
As matemáticas serán o vehículo desta actividade didáctica, lúdica e divulgativa na que contamos co Grupo de Innovación en Educación Matemática (IEM) da Universidade da Coruña (UDC). As familias que queiran participar neste obradoiro para descubrir, tocar e gozar as matemáticas en familia, poden anotarse en carballo.gal.



