O Concello aproba crear unha comisión de estudo para a xestión dun servizo municipal de comedores escolares
O Pleno do Concello de Santiago aprobou este xoves a creación dunha comisión de estudo para determinar a forma máis sustentable e eficiente para a xestión dun servizo municipal de comedor para atender o alumnado dos centros educativos e das actividades municipais de conciliación.
A proposta foi aprobada cos votos a favor de BNG, CA e concelleiro e concelleiras non adscritas e a abstención de PP e PSOE.
A concelleira de Educación, Míriam Louzao, defendeu que se trata dun “proxecto estratéxico e dos máis ambiciosos para este Goberno” pola súa “repercusión directa no benestar das persoas” e a súa importancia para a conciliación. Así, afondou en que a comisión deberá analizar os aspectos sociais, xurídicos, técnicos e financeiros do futuro servizo de comedores do Concello de Santiago e propoñer a mellor forma para xestionalo.
Míriam Louzao incidiu en que a comisión estará integrada por unha representación de todo o abano político do Concello para debater a mellor proposta de xestión e que é a ferramenta axeitada para decidir sobre a xestión do servizo seguindo os procedementos correctos e coas garantías legais e orzamentarias que esixen as normas.
O Pleno aprobou tamén a conta xeral do ano 2024, con apoio dos grupos de goberno e a abstención da oposición.
Por unanimidade, a Corporación aprobou unha proposición presentada polo grupo municipal PSdG-PSOE para restablecer a normalidade operativa do Servizo de Extinción de Incendios e da Policía Local, e garantir a seguridade da cidadanía en Santiago de Compostela.
Por outra banda, saíu adiante unha proposición presentada polo grupo municipal popular para solicitar a posta en marcha de medidas urxentes de apoio á industria turística compostelá, co voto favorable de PP, PSOE e concelleiros non adscritos e a abstención de BNG e CA.
A proposición presentada polo grupo socialista para impulsar a adopción de medidas na mellora da mobilidade no contorno do Hospital Clínico Universitario de Santiago foi aprobada cos votos deste grupo e do PP e a abstención de BNG, CA e non adscritos.
Así mesmo, a proposición presentada polo grupo municipal popular para implementar medidas que palien a suspensión de actividades nos centros socioculturais aprobouse co apoio de PP, PSOE e concelleiro e concelleiras non adscritas e a abstención de BNG e CA.
A biblioteca do Consello da Cultura Galega acolleu a sesión ordinaria do Pleno de novembro, debido ás obras no Pazo de Raxoi.



