HomePontevedraBaixo MiñoActos conmemorativos do 103 aniversario dos sucesos de Sobredo 

Actos conmemorativos do 103 aniversario dos sucesos de Sobredo 

- Anuncio -spot_img

Mañá celebrarase o acto “A Música en Sobredo” e o sábado o acto cívico coa intervención de Margarita Ledo

Mañá venres e o sábado prosegue o ciclo “Sobredo, 103 anos despois” organizado polo Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSo), coa colaboración do Concello de Tui,  e que forma parte do Mes da Memoria Democrática que promove o Concello de Tui.

Mañá venres,  28 de novembro, ás 19.30 h no Espazo sociocultural, da rúa Camilo José Cela, terá o acto “A música en Sobredo” coas intervencións de Tino Baz e @s Folieir@s de Lavadores.

O sábado, 29 de novembro, desevolverase o acto cívico e ofrenda floral no monumento a partir das 11 h coa concentración na carballeira de Sobredo, para logo desprazarse até o monumentos aos Mártires, onde se desenvolverá o acto cívico que contará coa intervención de Margarita Ledo Andión, cineasta e escritora rematando coa tradicional ofrenda floral.

O Concello de Tui, en palabras do alcalde, Enrique Cabaleiro, colabora unha ano máis nestas actividades para render unha homenaxe, en primeiro lugar, as vítimas deste desgraciado suceso de Sobredo, pero tamén reivindicar a importancia da ampla mobilización social que nas primeiras décadas do pasado século a través do denominado “movemento agrario”, que coa creación de innumerables sociedades de agriculturas na maioría das parroquia de Tui e noutros lugares de Galicia, lograron cambiar, en apenas dúas décadas, o réxime de propiedade da terra e contribuíron de xeito excepcional á mellora das condicións de vida dos nosos labregos. Para Enrique Cabaleiro cómpre “reivindicar o papel das sociedades agrarias e o protagonismo tudense neste proceso”.

Os Sucesos de Sobredo

O 28 de novembro do ano 1922, producíronse os Sucesos de Sobredo, nos que tres persoas labregas foron vítimas do disparos das forzas da orde que reprimiron unha manifestación que tiña lugar en Sobredo, Guillarei, na que trataban de impedir o desafiuzamento dun labrego que non tiña pagado as rendas forais e fora denunciado polo rendeiro. A morte de Cándida Rodríguez, veciña de Pazos de Reis, Venancio González, de Budiño, e Joaquín Besada de Soutelo, tivo unha ampla repercusión en toda Galicia e acelerou o debate político para rematar co sistema foral, que se lograría finalmente no ano 1926.

Nos anos seguintes a aquel 28 de novembro do ano 1922,  a sociedade labrega conmemorou tal data como mostra da barbarie caciquil da época e exemplo de dignidade colectiva ante os atropelos aos que se vía sometidas as mulleres e homes do rural galego; atropelos que en forma de embargos, trataban de manter o sistema clasista de apropiación dos froitos do traballo agrícola co cobro de rendas, chamadas foros; renda agraria que permanecía sobre as terras dende a época medieval e da que se beneficiaban os descendentes da fidalguía e nobreza, mosteiros, igrexa e burguesía capitalista das zonas urbanas.

No décimo cabodano dos Sucesos, en novembro do 1932, implantada a II República ergueuse o Monumento aos Mártires de Sobredo, da autoría de Camilo Nogueira; costeado por subscrición popular impulsada pola Federación de Sociedades Agrarias do antigo Concello de Lavadores.

Tanto nos actos de conmemoración dos feitos e de descubrimento do Monumento a música formou parte dos programas dos actos; tal como informa El Pueblo Gallego na edición do 29 de novembro do 1932, o coro “Airiños do Mar” de Teis, realizou a clausura entoando un miserere diante do Monumento.

No inicio do golpe de estado do ano 1936 o monumento foi dinamitado; pretenderon eliminar a memoria dunha masacre e acabar coas organizacións sociais que loitaban polo desenvolvemento do rural, nunha época de grandes penurias; para as que o único remedio era o recurso da emigración masiva a América.

Coa recuperación dos restos e reconstrución en 1988 a música volveu a integrase nas programacións dos actos anuais de conmemoración; xa fose en formato de grupos tradicional de gaitas; grupos folclóricos; coros tradicionais galegos.

Margarita Ledo Andión

Margarita Ledo Andión (Casgtro de Rei, 1951): cineasta e escritiora. Catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela. Numeraria a Real Academia Galega. Fundadora do semanario A Nosa Terra e directora entre 1977 e 1980.  No período 1974-1976 a súa actividade pública e o seu compromiso político, militante da UPG, provocaron un exilio obrigado en Portugal.

Entre outros proxectos foi a creadora da revista Escrita, da Asociación de Escritoras e Escritores Lingua Galega (AELG) e da revista feminista Festa da Palabra Silenciada.

No campo da literatura recentemente a editorial Chan da Pólvora publicou o poemario Prefiro condenarme (2024), que reúne poemas actuais cos escritos na época dos anos setenta como, Parolar cun eu, cun intre, con inseuto.

Como narradora comeza a súa traxectoria na década dos oitenta cos relatos, Mamá-Fe (1983), as novelas Trasalba ou violeta e o militar morto (1985) ou Porta blindada (1990).

Ensaísta, investigadora. Vinculada desde o seu inicio co Festival da Poesía do Condado.

O seu labor como Cineasta representa un compromiso coherente con todo o seu labor nas demais disciplinas, inconfundíbel sempre a súa identidade como autora, desde unha óptica feminista, recupera a memoria e abícaa na realidade. Entre os seus filmes figuran: Santa Liberdade (2004) sobre o secuestro do Santa María en 1961, organizado por vinte e catro antifascistas galegos e portugueses do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación), co obxectivo de denunciar as ditaduras de Franco e Salazar. Liste, pronunciado Líster (2007), biografía do líder comunista galego. A cicatriz branca (2012). Ficción construída sobre base documental que explora a figura da muller galega exiliada na Arxentina. Nación (2020). Obra sobre a loita das operarias da fábrica de cerámica A Pontesa (que pechou en 2001 en Ponte Sampaio, Pontevedra) que mestura arquivo documental con testemuños destas mulleres e escenas ficcionadas.  Prefiro condenarme (2024). A historia de Sagrario Ribela Fra, mariscadora da ría de Ferrol, acusada de adulterio en 1972 e absolta polo Tribunal eclesiástico de Compostela.

O programa de actividades do “Mes da memoria”, que finaliza con estes actos arredor dos sucesos de Sobredo, celébrase co impulso da Subdelegación do Goberno en Pontevedra e o Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade’. Como sinala Carmina Gustrán, comisionada para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade: “Celebrar medio século de liberdade é tamén celebrar a pluralidade que nos define como país. España é un Estado diverso, rico en territorios, linguas, tradicións e expresións culturais. Por iso ten sentido que o programa conmemorativo sexa descentralizado, para que cada recuncho do noso país participe e achegue a súa voz a esta celebración dos valores democráticos que compartimos”

Publicacións Relacionadas