A concellería de Igualdade e Muller, que dirixe Iria Vilaboa, organiza un ano máis o programa municipal de conciliación para as vacacións escolares de Nadal. A edil explica que “o obxectivo destes campamentos é o de proporcionar ás familias unha programación educativa e lúdica que lles permita conciliar o coidado dos nenos e nenas cos seus deberes laborais durante as vacacións escolares de Nadal”. A actividade está dirixida á rapazada de entre 3 e 12 anos. O número de prazas ofertadas son 180, repartidas entre as diferentes parroquias do municipio:
✔ CEIP Cedeira
✔ CEIP Outeiro das Penas, Cesantes
✔ CEIP Alexandre Bóveda, Chapela
✔ CEIP Quintela
✔ Sociedade Labrego Cultural de Reboreda
✔ Conservatorio Municipal “Víctor Ureña”, Redondela
✔ CEIP Porto Cabeiro
A alcaldes, Digna Rivas, sinala que deste xeito “o Concello ofrece unha alternativa de conciliación familiar á veciñanza non só no centro da vila, senón tamén nas diferentes parroquias”.
O horario dos campamentos será de 09:00 a 14:00 horas, con servizo de Aula Matinal en horario de 08:00 a 09:00 horas. A documentación para facer a solicitude está dispoñible na páxina web redondela.gal así como na Casa do Concello e nas oficinas do Centro de información á Muller (CIM). As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Redondela de xeito presencial ou electrónico. O prazo está aberto ata o 5 de decembro.



