A fronte nacionalista rexeita que o Concello insista en vender inmóbeis e aproveitamentos urbanísticos que deberían dedicarse a vivendas accesíbeis
Reclama que se suspendan as poxas para a venda de varios inmóbeis municipais e que se utilicen para crear un parque público de vivenda
Xabier P. Igrexas: “É indecente especular co patrimonio inmobiliario do Concello nunha cidade con alugueiros disparados e en situación de emerxencia habitacional”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo denunciou este xoves que o Goberno de Abel Caballero está a actuar “con absoluta irresponsabilidade” diante da grave emerxencia habitacional que atravesa a cidade, onde o acceso á vivenda se converteu no principal problema social.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, advertiu de que o Concello “insiste en seguir facendo caixa”, vendendo propiedades municipais que poderían destinarse a usos sociais, en lugar de promover a creación dun parque público de vivenda, “É incomprensíbel que nun momento no que milleiros de familias teñen dificultades para atopar unha vivenda a prezos asumíbeis, o Goberno municipal continúe a desfacerse de patrimonio que debería poñerse ao servizo do interese xeral”, afirmou.
Facer caixa
Igrexas exemplificou esta política “especulativa” do Concello coa decisión de vender un edificio de cinco andares situado nas proximidades dos antigos xulgados que, a xuízo das nacionalistas, podería ser rehabilitado e destinado a vivenda social. Este inmóbel súmase a outras propiedades municipais xa vendidas e a outras que o Goberno prevé sacar a novas poxas proximamente, subliñou o portavoz do Bloque.
Feito ao que se engade a decisión continuada do Goberno de Caballero de cobrar todos os aproveitamentos urbanísticos que lle corresponden ao Concello —o 10% en promocións en solo urbanizábel— en lugar de destinalos a crear vivenda pública.
Igrexas cualificou de “indecente” que o Concello “prefira especular” cos seus inmóbeis cando Vigo vive unha “escalada dramática” dos prezos da vivenda. “Os alugueiros en Vigo incrementáronse preto dun 50% en 10 anos, situándose por riba dos 700 euros mensuais, e temos 5 pisos turísticos por cada vivenda dispoñíbel para alugueiro”, alertou.
O BNG anunciou que solicitará ao Goberno municipal información detallada sobre o número total de vivendas vendidas polo Concello nos últimos anos e sobre todos os aproveitamentos urbanísticos cobrados e non empregados para vivenda pública.
Frear as poxas e crear parque público de vivenda
Para Igrexas é “imprescindíbel poñer fin a unha política municipal de brazos caídos que se suma á nefasta política de vivenda que o PP aplica desde a Xunta”. O portavoz nacionalista sostivo que “é hora dos feitos” e reclamou que o Goberno local “deixe de tratar o patrimonio municipal como mercadoría coa que facer caixa”.
“O BNG esiximos que se suspendan as poxas anunciadas e que os inmóbeis municipais e os aproveitamentos urbanísticos que lle corresponden ao Concello se destinen á creación dun parque público de vivenda que permita facilitar o acceso a un dereito esencial” concluíu.



