HomeXunta de GaliciaA Xunta aposta pola colaboración entre empresas para avanzar na economía circular...

A Xunta aposta pola colaboración entre empresas para avanzar na economía circular e salienta a sostibilidade como panca clave no crecemento do tecido produtivo

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez salienta que o Executivo galego está a acompañar ás empresas neste camiño como a Oficina de economía circular industrial, a bolsa galega de subprodutos e o mercado voluntario de créditos de carbono
  • A conselleira destaca que a circularidade se converteu nunha necesidade empresarial transversal e que Galicia xa está a crear ecosistemas de colaboración para acadar solucións óptimas e acadar vantaxes competitivas
  • O Goberno autonómico pon en valor que este tipo de actuacións permitirán á comunidade avanzar de xeito máis rápido, sólido e rendible para todos

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, clausurou hoxe o IV Foro de sostibilidade da Confederación Empresarial de Pontevedra, onde defendeu a importancia da colaboración entre empresas para avanzar na economía circular e salientou a transcendencia da sostibilidade como panca no crecemento do tecido produtivo.

A responsable autonómica explicou que por iso a Xunta está a acompañar ás empresas neste camiño con iniciativas como a Oficina de economía circular industrial -que comezou a operar en xuño para coñecer as necesidades, os retos e as inquedanzas das empresas-, a bolsa galega de subprodutos -que empezará a funcionar en 2026 para darlle un segundo uso a residuos que ata agora se desbotan- e o mercado voluntario de créditos de carbono, que será un incentivo para reducir as emisións contaminantes.

Neste sentido, puxo en valor que Galicia é pioneira na posta en marcha deste mercado, unha mostra máis do compromiso da comunidade cun enfoque integral no eido da descarbonización pois favorecerá proxectos de xestión forestal sostible, agricultura rexenerativa, enerxías renovables ou xestión de residuos, entre outros.

Deste xeito, as empresas contarán cunha ferramenta real para monetizar os seus esforzos na loita contra o cambio climático así como crear novas oportunidades de negocio, co que poderán incrementar a súa actividade e rendibilidade.

Por iso, a conselleira animou ás empresas a consultar aos profesionais da Oficina de economía circular industrial calquera cuestión neste eido ou noutros relacionados co aproveitamento dos refugallos, que xa é unha práctica habitual do tecido empresarial galego. De feito, salientou que desde xuño -mes da súa creación- ata outubro esta oficina realizou máis de medio cento de accións informativas e de asesoramento a empresas, tanto respostas a consultas que demandan solucións prácticas como a celebración de reunións formais con asociacións empresariais, agrupacións industriais, portos e parques empresariais.

Necesidade transversal

Nesta liña, Ángeles Vázquez destacou que a circularidade se converteu nunha necesidade empresarial transversal e que Galicia xa está a crear ecosistemas de colaboración para acadar solucións óptimas e acadar vantaxes competitivas. De feito, xa hai creado un grupo de traballo sobre capacidades de tratamento de residuos industriais -coa participación de 25 empresas-, un grupo de simbiose industrial -con 14 empresas tractoras, 17 mentorizadas e 12 en proceso de incorporación- e estanse a celebrar encontros presenciais para organizar subgrupos territoriais en áreas como A Coruña, Vigo, Ourense e outros polos industrias.

Por iso, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático aseverou que a comunidade e o seu tecido empresarial avanzan firmemente cara á sostibilidade en todos os eidos e fano en rede, xerando aforro, innovación e novas oportunidades de negocio, polo que gaña o medio ambiente e tamén as empresas.

Para continuar por esa senda positiva no eido medioambiental, a conselleira animou ao conxunto do tecido empresarial a recorrer á Oficina de economía circular industrial, a participar nos distintos grupos de traballo e nas simbioses industriais e a compartir os seus casos de éxito para servir de modelo ou de exemplo a outras empresas. A maiores lembrou a importancia de aproveitar ferramentas á súa disposición como a bolsa de subprodutos ou o mercado de créditos de carbono para coidar o medio ambiente e fortalecer a súa competitividade.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, concluíu que Galicia demostra que a circularidade se constrúe en rede e que crear ecosistemas circulares é o que permitirá á comunidade avanzar de xeito máis rápido, sólido e rendible para todos. O foro que clausurou a conselleira fora inaugurado previamente pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.

Publicacións Relacionadas