Participou esta mañá na reunión de seguimento do destino do norte peninsular que tivo lugar en Santander
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na reunión de seguimento da España Verde que tivo lugar en Santander, na que se fixo balance das actuacións realizadas ao longo deste 2025 que deron como resultado que este ano visitasen ata agora en xeral este destino conxunto 17,3 millóns de viaxeiros, un 2,1% máis que no mesmo período de 2024, o que consolida o ritmo ascendente dos últimos anos. Esta foi a última das reunións celebradas este ano baixo a coordinación da marca por parte de Cantabria, que cederá a testemuña oficialmente a Asturias nun acto que terá lugar en Fitur 2026.
Os responsables do ámbito turístico das catro comunidades englobadas na España Verde – Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi- valoraron que Europa siga sendo o principal mercado emisor de visitantes, ademais de Reino Unido e Estados Unidos.
Precisamente, referíndose o mercado estadounidense, Xosé Merelles salientou a promoción internacional realizada pola marca ao longo de todo este ano, destacando especialmente a presentación de destino en Nova York recentemente. Alí, o director de Turismo de Galicia tivo oportunidade de amosar as potencialidades da España Verde ante un público de máis de 100 turoperadores e axentes especializados en turismo todos eles interesados polos recursos e oportunidades que ofrecen estes territorios do norte peninsular.
Xosé Merelles destacou o interese xerado en Nova York ao redor do patrimonio natural e arquitectónico, o estilo de vida e a gastronomía, entre outros recursos compartidos polas catro comunidades da España Verde. Ademais, subliñou que a cualificaron de “proposta orixinal e sostible diferente da doutras de España”. O director de Turismo lembrou a presentación de produtos coma a Reserva Ecoturista da España Verde, que percorre 25 espazos naturais protexidos polas catro comunidades.
Os responsables do ámbito turístico valoraron a estratexia mantida en Estados Unidos que defenderon como unha experiencia inmersiva cultural e gastronómica deseñada para achegar ao futuro visitante á identidade da España Verde e cuxo obxectivo é atraer viaxeiros a través das dúas conexións aéreas directas de Bilbao e Santiago de Compostela coa cidade neoyorkina.



