– O Concello de Redondela asinou hoxe un protocolo no se establecen “medidas de prevención e actuación ante posibles situación de risco para as traballadoras”. O documento realizouse en colaboración coas representantes sindicais, as técnicas municipais e a empresa que presta o Servizo de Atención no Fogar.
– As medidas inclúen a valoración previa en cada domicilio para detectar se existe perigo, a formación do persoal e protocolos de actuación. O principio básico deste protocolo é que as persoas que atenden aos usuarios nos domicilios “non pode traballar con medo e teñen dereito a interromper o servizo cando perciban unha situación de risco”.
– A alcaldesa, Digna Rivas, lembra que a Xunta comprometeuse a establecer un protocolo despois da morte dunha profesional nun domicilio do Porriño o pasado mes de xullo, “pero aínda non hai nada”. No goberno local de Redondela “adiantámonos á Xunta e asinamos coas partes implicadas este acordo”. Rivas afirma que “o obxectivo é garantir non só a atención das persoas usuarias, senón tamén a seguridade das traballadoras”.
O Concello de Redondela establece un protocolo pioneiro con medidas de prevención e actuación ante posibles situación de risco para as traballadoras do SAF. O documento, que se asinou este mediodía no Concello, realizouse en colaboración coas representantes sindicais, as técnicas municipais de Servizos Sociais e a empresa que presta o Servizo de Atención no Fogar.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que estas medidas teñen como obxectivo “garantir a seguridade das traballadoras do SAF respectando os dereitos das persoas usuarias”. Rivas explica que, ante unha situación de risco no domicilio, “primará a protección á traballadora” . O principio básico deste protocolo é que o persoal que acode aos domicilios “non pode traballar con medo e ten dereito a interromper o servizo cando perciba risco”, afirma Rivas. O goberno local adopta así medidas “efectivas” para protexer ás empregadas do Servizo de Axuda non Fogar (SAF) ante situacións de risco, e advirte que velará porque o protocolo “se cumpra de maneira efectiva”. A alcaldesa sinala que, malia ser unha competencia da Xunta de Galicia, o Concello asume esta responsabilidade para garantir, “non só a atención das persoas usuarias, senón tamén a seguridade das traballadoras”. A alcaldesa lembra que a Xunta comprometeuse a establecer un protocolo para protexer ás traballadoras do SAF despois da morte dunha profesional nun domicilio do Porriño o pasado mes de xullo, “pero aínda non hai nada”. No goberno local de Redondela “adiantámonos á Xunta e asinamos coas partes implicadas este acordo, porque nos preocupa a situación que viven cada día estas traballadoras”.
O protocolo conta con varias liñas de actuación que se estableceron logo de varias xuntanzas, tanto con representantes das traballadoras como da empresa, e tendo en conta as súas achegas. Esas liñas de actuación inclúen: formación e información ao persoal; coordinación efectiva e comunicación inmediata; medidas preventivas con persoal a disposición do servizo; valoración de riscos e valoración social previa; actuación ante posibles situación de risco ou entorno hostil.
A concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, explica que a formación ao persoal será obrigatoria, e estará dirixida a “identificar escenarios hostís con formación sobre riscos, casos de acoso ou violencia”. O Concello colaborará “para concienciar ás persoas usuarias do servizo e ás súas familias”.
A comunicación entre as traballadoras, a coordinadora do servizo e o Concello será continua “para a detección precoz de riscos” e realizarase unha notificación “inmediata” de posibles perigos á técnica municipal. As medidas preventivas inclúen que a empresa que presta o servizo teña psicólogo/a e terapeuta ocupacional a disposición das persoas usuarias, das familias e do persoal do SAF.
Antes de comezar o servizo nun domicilio realizarase unha valoración de riscospara detectar se existe perigo de agresión e, no caso de que exista risco grave e inminente, suspenderíase o servizo. A propia traballadora debe facer tamén unha avaliación diaria e, se detecta perigo “abandonará o domicilio e informará á coordinadora”.
O protocolo establece como actuar ante situacións de risco ou entorno hostil, coa suspensión temporal do servizo se procede. Vilaboa explica que primará “a protección, asistencia e asesoramento á traballadora”. Cando se produzan estas situacións porase en marcha un proceso de investigación e seguimento cun rexistro de incidencias onde quede constancia da comunicación ao Comité de Prevención.



