O Pleno Municipal da cidade de Pezinok (Eslovaquia) vén de aprobar a resolución pola que se ratifica o nomeamento oficial necesario para formalizar o Acordo de Cooperación Internacional entre ambos municipios, un paso imprescindible para selar o proceso de irmandamento.
O vínculo entre Mos e Pezinok xorde a raíz da relación industrial e económica existente grazas ao Grupo Copo, presente en ambos territorios, o que favoreceu unha primeira toma de contacto vía telemática entre as administracións municipais.
Froito desa primeira comunicación institucional, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada das concelleiras Sara Cebreiro e Julia Loureiro, foi oficialmente convidada ao Havest Festival de Pezinok. Durante esa visita, celebrada no mes de setembro, mantivéronse encontros institucionais co alcalde Roman Mács e coa corporación municipal, e asinouse o Memorando de Asociación e Cooperación Mutua, que establece a vontade de colaboración en ámbitos como:
• Proxectos europeos e captación de fondos comunitarios.
• Intercambios culturais, deportivos e educativos.
• Promoción turística e posta en valor das tradicións locais.
• Desenvolvemento económico e cooperación empresarial.
• Intercambio de boas prácticas en gobernanza municipal e servizos públicos.
Tras esa sinatura, o Pleno do Concello de Mos aprobou o acordo o pasado 20 de novembro, consolidando o compromiso institucional e habilitando todos os procedementos administrativos necesarios. O Concello de Mos elevara unha consulta á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) sobre o procedemento preciso para completar os trámites de irmandamento, e seguir as súas indicacións como garante de que a alianza se constrúa con vocación de continuidade, cooperación e beneficio mutuo.
Agora, coa ratificación do nomeamento oficial por parte do Pleno de Pezinok, queda completado o acordo definitivo de irmandamento entre Mos e Pezinok, que permitirá abrir novas oportunidades de colaboración internacional para ambos municipios.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliña que “este avance representa un paso firme e moi proveitoso para Mos. Estamos a construír unha relación sólida con Pezinok que traerá beneficios culturais, económicos e sociais para a nosa veciñanza”.



