HomeA CoruñaO Concello enche as Naves do Metrosidero co primeiro podcast ‘Fóra de...

O Concello enche as Naves do Metrosidero co primeiro podcast ‘Fóra de guion’

- Anuncio -spot_img

Máis de cen mozos e mozas participaron na gravación en directo dun episodio centrado nas adiccións dixitais e o xogo en liña

Os creadores de contidos Champi Muros e Oveyanejra compartiron a conversa co profesional de Agalure Gerardo Rodríguez, nun formato dinámico con xogos e participación activa do público

As Naves do Metrosidero acolleron onte á tarde a gravación do primeiro episodio de ‘Fóra de guion’, o novo podcast xuvenil en directo impulsado polo Concello da Coruña e dirixido á mocidade de entre 12 e 30 anos. A sesión, centrada nas adiccións dixitais e o xogo en liña, rexistrou unha alta participación e completou o aforo previsto, consolidando este formato como un novo espazo de encontro e reflexión para a xente nova.

O episodio, baixo o título ‘Conectados ou atrapados: adiccións dixitais e apostas na xuventude’, estivo conducido polo creador de contidos Oveyanejra (Ángel Currás), quen guiou a conversa cun ton próximo e directo. Ao seu carón, Champi Muros (Santi Caamaño) relatou en primeira persoa o proceso que o levou do xogo recreativo á adicción, así como o impacto que tivo na súa vida persoal, social e económica, e o camiño de volta cara á recuperación grazas á petición de axuda profesional.

Na segunda parte da sesión incorporouse a visión técnica de Gerardo Rodríguez, profesional de Agalure, entidade especializada en prevención e tratamento de condutas adictivas. Rodríguez explicou os sinais de alerta máis frecuentes entre a mocidade, o papel das familias e do entorno educativo e social, e os recursos dispoñibles para quen sente que perdeu o control sobre o xogo ou o uso das pantallas, insistindo en que pedir axuda “é un acto de valentía e non un fracaso”.

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor a aposta municipal por novos formatos dirixidos á mocidade: “Con ‘Fóra de guion’ amosamos que se pode falar con rigor de saúde mental, adiccións e riscos dixitais empregando as linguaxes, os espazos e as referencias da mocidade. Queremos ofrecer alternativas de lecer responsable, reforzar o pensamento crítico e dicirlles ás e aos máis novos que non están sós se precisan axuda”.

O encontro combinou entrevista, testemuños en primeira persoa e dinámicas participativas co público, como o xogo ‘¿Controlas ou te controla?’, así como unha sección final de preguntas abertas que permitiu á mocidade expresar dúbidas e compartir experiencias.

O episodio quedou rexistrado en formato audiovisual e publicarase nas vindeiras semanas nas canles dixitais municipais, incluíndo a conta @mocidadecoruña e a canle de YouTube do Concello da Coruña, xunto con clips específicos para redes sociais.

Ao longo de 2026, o ciclo ‘Fóra de guion’ abordará novas temáticas de interese xuvenil como o bullying, os consumos de substancias, o benestar dixital ou a igualdade de xénero, mantendo o formato de podcast en directo con público, persoas convidadas de referencia e espazo para a participación da mocidade.

Publicacións Relacionadas