Carmen V. Valiña é doutora en Historia Contemporánea, profesora universitaria, investigadora e unha das promotoras de PeriFéricas, Escola de feminismos alternativos. Ademais tamén é autora, entre outros traballos, do libro “As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo, 1885-1936”, saído do prelo da Editorial Galaxia hai uns meses. Nel afonda na realidade das mulleres internadas entre finais do século XIX e comezos do XX neste manicomio compostelán, achegándonos a historias de represión e maltrato institucional sobre aquelas que non se axustaban aos mandados da sociedade do seu tempo. Un libro de obrigada lectura polo seu interese histórico e social, e un libro que tamén dará para un encontro coa autora no que coñeceremos a maneira en que as institucións se valeron da psiquiatría para controlar ás mulleres. Será este sábado a partir das 11:00h na Casa da Xuventude de San Sadurniño nun obradoiro encadrado nas actividades municipais do 25N. Fai falla inscrición previa enviando un correo a oriana.lopez@sansadurnino.gal ou chamando ao 695 876 178.
O obradoiro céntrase na análise da situación das mulleres internadas no manicomio de Conxo entre 1885 e 1936, un período no que a alianza entre os discursos médicos e o poder público serviu para sancionar comportamentos que se afastaban do que a sociedade consideraba “axeitado” para unha muller. Segundo explica Valiña, detrás de moitos diagnósticos psiquiátricos agachábanse pobreza, illamento rural, desigualdade e unha profunda falta de comprensión das súas realidades vitais.
Durante a sesión traballarase con historias clínicas orixinais, correspondencia e outros documentos conservados que permiten contrastar a versión institucional coas voces das propias mulleres. A actividade está concibida para ofrecer unha aproximación práctica ao método de investigación da autora e demostrar como a lectura crítica dos expedientes revela contradicións, silencios e manipulacións que condicionaron as súas vidas. Trátase, en definitiva, “de recuperar unha memoria que durante décadas permaneceu agochada”, tal e como apunta Araceli Bellas Castro, concelleira de Igualdade.
O Concello organiza este encontro, ademais, como o inicio dunha liña de traballo compartida coa Biblioteca Municipal para continuar profundando na temática ao longo do mes de decembro. Así, o clube de lectura de persoas adultas dedicará a súa próxima sesión ao libro “As tolas que non o eran”, continuando así “a reflexión e debate arredor do papel das institucións e das violencias que afectaron ás mulleres cando non se axustaban ao rol imposto”.
A biblioteca tamén lle levará parte destes contidos ao alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI de San Sadurniño, divulgando o libro “Las hijas del miedo”, editado pola Asociación de Mujeres Juezas de España. A obra reúne historias reais sobre violencia xudicial contra mulleres vítimas de violencia machista e foi escollida para a iniciativa “Tinta de equidade”, o clube de lectura dixital da Biblioteca da Deputación da Coruña que se desenvolve até o 14 de decembro.
Estas actividades veñen complementar o programa do Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres e nenas, traballando coa mocidade e a adolescencia con contidos a medio camiño entre a concienciación e a formación.



