O Concello de Pontevedra participa un ano máis en Culturgal cun stand propio que funcionará como unha antesala e presentación temática do Salón do Libro 2026, reforzando o compromiso municipal coa literatura, a oralidade e a creación cultural en galego dirixida á infancia e ás familias. Durante toda a fin de semana, o espazo ofrecerá unha programación continua con algunhas das voces máis destacadas da narración oral e da música infantil do país.
A mascota Orbil, icona do Salón do Libro, será unha das grandes protagonistas, realizando varias aparicións ao longo dos tres días e converténdose nun dos principais reclamos para o público familiar.
Un programa co mellor da creación infantil en galego
A programación do stand reúne artistas referenciais no ámbito da narración oral e da música infantil en lingua galega, cunha selección pensada para atraer público familiar, promover a lectura e reforzar a presenza da cultura galega no festival.
Venres 28 de novembro
- 12:00h – Visita de Orbil
- 17:00h – Contos nas verzas con narración oral e música para crianzas
Sábado 29 de novembro - 12:00h – Contos Dakí con Bea Campos
- 17:00h – Contos con miga con Carlos Yus, de Migallas
Domingo 30 de novembro - 12:00h – Música familiar con Pakolas
- 13:00h – Visita de Orbil
- 17:30h – Música familiar con Paco Nogueiras
- 18:00h – Visita de Orbil
Un adianto do espírito do Salón do Libro 2026 - Esta presenza en Culturgal funciona como prólogo da edición 2026 do Salón do Libro, que volverá colocar no centro a lectura, a creatividade e a cultura infantil. O stand serve como punto de encontro, espazo de dinamización e escaparate do labor cultural que Pontevedra desenvolve ao longo de todo o ano.
A edición número 27 do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se celebrará entre os días 6 e 22 de marzo de 2026, contará con Palestina como país invitado e centrará a súa temática na relación entre a literatura e a música.
O Concello de Pontevedra convida a todas as familias a achegarse ao stand durante a fin de semana para desfrutar dunha programación pensada para fomentar o gusto pola lectura, a imaxinación e o uso da lingua galega dende as primeiras idades.



