HomeO MorrazoMarínLuz verde no Congreso á iniciativa do BNG para impulsar o proxecto...

Luz verde no Congreso á iniciativa do BNG para impulsar o proxecto “Abrir Marín ao mar”

- Anuncio -spot_img

O Congreso avala a proposta presentada polo BNG para a cesión dos espazos en desuso do Porto de Marín e os infrautilizados da Escola Naval para ampliar os espazos públicos e zonas verdes dispoñíbeis para a veciñanza

O deputado do BNG sinala que esta proposta é unha posta en valor da esencia mariñeira de Marín e contribuirá para mellorar a calidade de vida: “o Goberno non se pode volver a negar a ceder os terreos, o Congreso falou”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, consegue sacar adiante unha iniciativa na Comisión de Defensa para reclamar ao Goberno do Estado impulsar o proxecto “Abrir Marín ao Mar” e ceder de forma inmediata os espazos en desuso do porto de Marín e os infrautilizados na entrada da Escola Naval Militar. A iniciativa do BNG aprobada ten o obxectivo de aumentar as zonas verdes e os espazos públicos para uso e goce da cidadanía.

“Marín está fechada ao mar, agás en dous puntos, como consecuencia dos balados do Porto e da Escola Naval Militar. A humanización e o futuro deste espazo pasa por impulsar o proxecto de abrir Marín ao mar para a recuperación de espazos públicos e zonas verdes que conecten a vila co mar” defende o deputado nacionalista durante o debate da iniciativa. A cidadanía de Marín, enfatiza Rego, ten dereito a recuperar o acceso ao mar e esta actuación “non iría en detrimento da ENM nin do porto” senón que “aproveitaría aqueles espazos en desuso ou infrautilizados -e, por tanto, prescindíbeis- o que resultaría nun beneficio para a cidadanía ofrecendo novos espazos”.

A iniciativa do BNG, a pesar de contar coa abstención das forzas estatais -PP e PSOE-, saíu adiante e reclama ao Goberno do Estado iniciar a cesión de parte dos terreos de Portos do Estado e da Escola Naval para seren destinados a zonas verdes, de esparexemento público e favorecer a apertura de Marín ao mar.

No concreto, entre as actuacións aprobadas recóllese que o Ministerio de Transportes ceda de forma gratuíta os espazos non afectados por explotación portuaria a través dun convenio co concello de Marín e a Autoridade Portuaria que inclúa o Paseo da Avenida de Ourense, o edificio de servizos e pista deportiva, o Parque de Cantodarea (Parque Azul), o paso inferior e novos accesos á zona S‐O da zona de servizo, o dique embarcacións menores e o Paseo Alcalde Blanco.

Así mesmo, que incorpore ao expediente a dársena de embarcacións menores, da parcela resultante da demolición da nave almacén de Pérez Torres, do edificio destinado a cafetería ao inicio do Paseo Alcalde Blanco e do inmóbel de dúas plantas da Avenida de Ourense, número 86 -para destinalo a centro social do barrio do Cantodarea-.

“A superficie das edificacións destinadas a oficinas e almacéns sitas na explanada do antigo Peirao da Ribeira, así como o edificio de oficinas (Satlink), actualmente en réxime de concesión, pasen, na súa totalidade, unha vez finalice o período de concesión, ao Concello de Marín” recolle a iniciativa do BNG aprobada no Congreso.

Así mesmo, o deputado do BNG pon en valor a reclamación aprobada para que o Ministerio de Defensa inicie a tramitación do expediente para a cesión gratuíta e permanente do terreo sito nas inmediacións da entrada da Escola Naval ocupado na actualidade pola pista de atletismo, procedendo ao retranqueo do muro de fechamento perimetral e da entrada monumental até as inmediacións do Edificio de Aulas en que se sitúa a Torre do Reloxo e promover un Convenio de colaboración para abrir ao uso público civil as instalacións que permita promover zonas verdes para uso público e destinar a área do peirao a uso náutico deportivo para os clubs de Marín e para a apertura dun Museo Municipal, entre outras cuestións.

Publicacións Relacionadas