HomeXunta de GaliciaValentín García enxalza a “implicación co galego dos centros escolares e familias”...

Valentín García enxalza a “implicación co galego dos centros escolares e familias” no programa  ‘Falamos +’

- Anuncio -spot_img
  • A proposta impulsa actividades lúdicas como contos, teatro, xogos, lecturas ou música para incentivar o uso do idioma entre o alumnado de infantil e primaria
  • Tal e como lembra, o proxecto baséase nos centros educativos “como espazos de socialización máis alá das aulas onde crear comunidades de galegofalantes”
  • Destaca, ademais, que se segue a liña marcada no Pacto pola lingua “incidindo especialmente na cativada e na mocidade”
  • A acción conta cun blog na web onde se recollen as distintas tarefas realizadas nas horas de lecer

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, clausurou hoxe no colexio Froebel, en Pontevedra, a segunda edición do programa de dinamización lingüística Falamos +, no que participaron dez centros de educación infantil e primaria repartidos polas catro provincias co obxectivo, apuntou, “de aproveitar os centros escolares como espazos de socialización en idades temperás para impulsar o uso do galego máis alá das aulas, tamén nas actividades de lecer”.

Deste xeito, o representante da Xunta puntualizou que o Goberno galego implícase nunha iniciativa “especialmente significativa” porque son “os propios centros e familias as que se involucran e mostran a súa responsabilidade e compromiso coa lingua” agradecendo o seu esforzo. Así, durante tres semanas, ata hoxe mesmo, o estudantado estivo realizando diversas actividades lúdicas, supervisadas pola coordinadora do programa, Pilar Ponte, que teñen que ver con monólogos, conversas, contos, teatro, música, baile e xogos.

Neste senso, engadiu Valentín García, “temos en conta que os colexios, ademais das horas lectivas, dannos a oportunidade de desenvolver este tipo de accións para crear comunidades de galegofalantes”, seguindo a liña marcada, dixo, no Pacto pola Lingua “no que incidimos especialmente en chegar á cativada e á mocidade no impulso do idioma a través de varias vías”.

Nesta liña, o programa únese a outras propostas enfocadas nos máis pequenos e impulsadas a través do paquete de medidas da Xunta, que tamén teñen como escenario os centros escolares, como o 21 días co galego e +, e a distintas iniciativas como os contidos audiovisuais a través da plataforma Xabarín.gal.

Actividades en 10 colexios

Ademais do colexio de Pontevedra, o programa Falamos + contou nesta provincia coa participación do colexio San Martiño, na propia cidade, ao que se lle suma o de Ardán, en Marín. Pola súa parte en Ourense incluíronse na proposta o colexio público de Seixalbo e o do Ruxidoiro, no concello de Barbadás. Na de Lugo forman parte da iniciativa os centros Martínez Otero, de Foz, e o da Gándara, en Monforte. Mentres, na Coruña interveñen o Sagrada Familia e o Cornide Saavedra, da cidade herculina, e o Cruz do Sar, de Bergondo.

Todos eles foron achegando a súa experiencia a través dun blog que actúa como fío condutor desta iniciativa, e no se poden ver as diferentes atividades desenvolvidas en cada unha das xornadas do programa.

Publicacións Relacionadas