- Marisol Díaz explicou os efectos deste recoñecemento que promove o equilibrio entre a protección dos recursos naturais e o avance socioeconómico desas contornas
- Este novo espazo protexido tería como núcleo o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e estendería a súa área de influencia desde Fisterra hasta Baiona
- A declaración desta oitava reserva de biosfera significaría que a metade da superficie da comunidade estivese protexida
A Xunta expuxo esta mañá aos concellos incluídos na proposta da que sería oitava reserva de biosfera de Galicia os avances da candidatura que se presentará ante a Unesco.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, mantivo esta mañá unha reunión con representantes municipais dos concellos que abarcaría a que sería a oitava reserva de biosfera de Galicia. En concreto, segundo a proposta da Xunta este novo espazo protexido tería como núcleo o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e estendería a súa área de influencia desde Fisterra ata Baiona. Serían máis de 118.000 hectáreas de superficie protexida, das que o 88% serían marítimas.
Durante a reunión, Marisol Díaz trasladou aos representantes locais as repercusións de obter este recoñecemento que promove o equilibrio entre a preservación dos recursos naturais e o avance económico e social desas contornas, xunto cunha función de coñecemento científico e apoio loxístico para alentar actividades de investigación, educación e formación para a conservación e o desenvolvemento sostible.
Tal e como establece o programa Home e Biosfera (MaB, nas súas siglas en inglés) da Unesco, as reservas de biosfera son áreas designadas para harmonizar a conservación da biodiversidade co desenvolvemento sostible e o benestar da veciñanza. Segundo dixo Marisol Díaz, este recoñecemento promove o equilibrio entre a preservación dos recursos naturais e o avance económico e social desas contornas, xunto cunha función de coñecemento
Nesa liña, Marisol Díaz puxo como exemplo de posibles accións de desenvolvemento socio-económico a promoción dos sectores produtivos, a comercialización de produtos locais ou o fomento dos valores ambientais, culturais e turísticos.
A maiores, a directora xeral tamén incidiu na función de apoio loxístico destas áreas coa promoción de actividades de investigación, a observación a longo prazo, a educación ambiental e a sensibilización da cidadanía.
Esta reunión forma parte da rolda de contactos que vén realizando a Xunta sobre esta cuestión e na que xa participaron representantes do tecido produtivo e de organismos sociais vencellados a esta área.
Esta candidatura dá continuidade ao traballo desenvolvido pola Xunta nos últimos anos e que deu como resultado a declaración en 2021 da Ribeira Sacra, Serras do Oribio e Courel como Reserva de Biosfera da Unesco. Esta incorporación sumouse ás outras seis que xa contaban con ese recoñecemento: Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras do Burón; Transfronteiriza Xurés-Gerês (Ourense e Portugal) e Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.



