- O conselleiro de Ciencia visita no Milladoiro a firma Binarial, beneficiaria desta liña de axudas que suma 11,7M€ e 35 proxectos de innovación apoiados desde 2021
- Esta iniciativa está dentro do programa Activa I+G+i, dotado con 53M€ para reforzar a colaboración entre empresas e a transferencia de coñecemento e resultados
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe en Ames Binarial Automatización e Robótica, empresa beneficiaria do programa de Recuperación da excelencia Neotec cuxa resolución publica hoxe o Diario Oficial de Galicia. Con esta liña, a Xunta de Galicia rescata proxectos de sete empresas de base tecnolóxica de recente creación que non lograron financiamento en convocatorias estatais, o que permite deste modo a súa viabilidade e crecemento.
Cun investimento de 1,6 M€ cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, esta iniciativa mobiliza en total 2,67 M€ en proxectos excluídos por insuficiencia de crédito do programa estatal do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI). “Por iso desde Galicia as rescatamos con esta liña para garantir que poidan seguir adiante”, sinalou o titular de Ciencia da Xunta, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.
Román Rodríguez puxo en valor esta liña de axudas que está incluída “no paquete Activa I+G+i que lanzamos o pasado verán para apoiar a colaboración entre empresas e a transferencia efectiva de resultados, ao que destinamos preto de 53M€ a través de catro grandes convocatorias”. Neste sentido, felicitou as sete empresas beneficiarias de Neotec entre as que se atopa Binarial, que recibe máis de 230.000 euros para desenvolver o seu plan de negocio durante os vindeiros dous anos.
Neste caso concreto, o obxectivo é desenvolver tecnoloxías de automatización e robótica para optimizar procesos industriais no sector da automoción e na industria da alimentación mediante intelixencia artificial. Grazas a este apoio, a firma prevé incorporar un novo investigador posdoutoral á empresa, que se sumará aos nove traballadores que desenvolven o seu labor actualmente nas sedes de Padrón e Ames.
Binarial, que xa ten participado na aceleradora de innovación Business Factory Auto e na convocatoria Fábrica intelixente e sustentable do Goberno autonómico, ten como produto estrela o robot autónomo móbil Troo, deseñado para mellorar a loxística interna das fábricas, especialmente na industria da automoción.
Apoio a 35 empresas con 11,7 M€
A través de Neotec, a Xunta leva apoiado a 35 empresas cun orzamento de 11,7 M€ desde o 2021, co que se financian máis de 220 postos de traballo. Deste xeito, promóvese o crecemento das mellores firmas de base tecnolóxica na nosa Comunidade co obxectivo de converter a Galicia en rexión de referencia para impulsar startups innovadoras.
Nesta edición, as empresas apoiadas son as seguintes:
| Nome da empresa | Localidade | Proxecto | Axuda concedida |
| ODS PROTEIN, S.L. | O Porriño | Produción de micoproteínas de para a industria alimentaria, mediante procesos fermentativos innovadores baseados nun microfungo. | 231.601,20 € |
| DIVERSA TECHNOLOGIES, S.L. | Santiago de Compostela | Nanosistemas lipídicos para o transporte e liberación intracelular de ácidos nucleicos para unha terapia xénica en enfermidades raras. | 232.855,20 € |
| AGUIA ANALITICA AVANZADA, S.L. | Oleiros | Evolucionar a tecnoloxía de análise automática de datos, utilizando visión artificial e intelixencia artificial sobre imaxes tomadas desde drons para coñecer o estado das infraestruturas e así mellorar os produtos comerciais. | 231.101,39 € |
| BINARIAL AUTOMATIZACION Y ROBOTICA, S.L. | Padrón/Ames | Automatización e robótica para a optimización de procesos industriais no sector da automoción e na industria alimentaria. | 231.465,00 € |
| AUVI SMART ELECTRIC, S.L. | San Cibrao das Viñas | Sistema de xestión de cargas para baterías extraíbles de vehículos eléctricos lixeiros, que permita a carga universal de baterías, crear modelos intelixentes de mantemento preditivo e acadar aforro enerxético e eficiencia operacional. | 215.700,00 € |
| NEVENTECH, S.L. | Sada | Desenvolver tecnoloxía a medio prazo de Nevent e converterse nunha aplicación líder onde os asistentes poidan xestionar facilmente todo o relacionado cos eventos aos que asisten, mentres que os promotores poidan ofrecer un maior valor. | 231.026,40 € |
| HEALTH BIOLUX, S.L. | Santiago de Compostela | Creación dunha bioimpresora baseada nun proxector de luz dixital, cun novidoso cabezal que permita unha alta resolución de 10 a 50 micras. | 228.864,00 € |



