- Na ponte de decembro a vila acollerá o mercado Artesanía, Saber e Sabor, que reunirá produtos artesáns e alimentarios de calidade, e en paralelo botará a andar o proxecto autonómico concibido para potenciar o comercio local, dinamizando baixos en desuso
- Vilas Vivas é unha acción pioneira enmarcada no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 cuxo piloto será en Ribadavia e que posteriormente se ampliará a outras localidades senlleiras e con alta concentración de locais pechados
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto co alcalde de Ribadavia, César Fernández, participou hoxe no acto de acendido do alumeado de Nadal de Ribadavia, onde puxo en valor a programación do concello para estas datas en sinerxía coa segunda edición do evento Artesanía, Saber e Sabor, que se celebrará no casco histórico da vila entre os próximos 5 e o 8 de decembro, como punto de partida do proxecto pioneiro Vilas Vivas, encadrado no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
Así, por segundo ano consecutivo —e en colaboración coa Consellería do Medio Rural— terá lugar na ponte de decembro un gran mercado aberto de produtos amparados baixo os selos de Artesanía Alimentaria e Artesanía de Galicia, ademais de servir de escaparate para o comercio local. Concretamente haberá 14 obradoiros de Artesanía de Galicia entre a Igrexa da Madalena e a rúa Banda da Lira —xa nos locais integrados no proxecto Vilas Vivas—, así como obradoiros gratuítos para todos os públicos e cursos de formación especializada en artesanía vinculada ao Nadal. Como novidade, tamén se habilitará un espazo específico na Alameda onde os comercios poderán ofrecer os seus produtos.
Por outra banda, a Consellería do Medio Rural contará con diversos espazos na Praza Maior para promocionar os produtos agroalimentarios galegos amparados por distintivos de caldiade diferenciada. En concreto, haberá unha carpa na que estarán presentes 32 produtores de Artesanía Alimentaria, un espazo dedicado a catas de viños coa participación de 14 adegas da Denominación de Orixe Ribeiro e outro reservado para actividades infantís.
José González salientou que esta nova edición de Artesanía, Saber e Sabor representa o arranque de Vilas Vivas, convertendo Ribadavia na primeira experiencia dun proxecto destinado a recuperar o comercio local de cascos históricos singulares, con potencial turístico e cunha produción local senlleira. A partir do 5 de decembro, abriranse preto dunha decena de locais que acollerán actividades comerciais, artesanais e culturais en formato efémero, e permanecerán ao longo de todas as festas do Nadal, facilitando así as sinerxías coa programación de Nadal do Concello. A previsión é acadar en xuño de 2026 un total de 15 establecementos distribuídos por tres rúas e prazas do casco histórico.



