O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, informou hoxe de que o Concello está a preparar unha nova ruta urbana sobre o percorrido do intelectual rianxeiro pola cidade herculina
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta mañá na homenaxe a Castelao organizada polo Circo de Artesáns, cunha ofrenda floral que tivo lugar nos xardíns de Méndez Núñez, ao pé do monumento que lembra a figura do intelectual rianxeiro.
No acto, que formou parte da programación de actividades culturais que se están a desenvolver na cidade polo Ano Castelao —ao abeiro do 75.º aniversario do seu pasamento—, tomaron parte representantes das asociacións culturais da Coruña, integrantes do Circo de Artesáns, co seu presidente Roberto Parga á cabeza, e tamén veciñas e veciños.
Na súa intervención, Castro puxo en valor o legado de Castelao, “figura esencial da nosa historia, conciencia ética da Galicia moderna e símbolo do noso compromiso colectivo coa democracia e a cultura”. Neste sentido, o edil avanzou que o Concello está a preparar unha ruta urbana sobre Castelao na Coruña, un percorrido concibido para comprender a cidade que el camiñou.
As accións de promoción da cultura galega forman parte das políticas culturais impulsadas desde o 2019 polo Goberno de Inés Rey, que inclúen desde a promoción sistemática de artistas locais e galegos nos eventos públicos ata a aprobación da primeira ordenanza de uso do galego do Concello da Coruña.
A exposición sobre Castelao na praza de Lugo manterase ata finais do Nadal
Tamén na homenaxe desta mañá, o concelleiro informou de que o Concello ampliará a estadía da exposición urbana sobre Castelao que está habilitada na praza de Lugo desde mediados de mes.
A mostra, organizada pola Fundación Castelao co apoio do Concello, componse dunha serie de cubos expositivos que, a través de imaxes e textos breves, recollen os principais momentos da relación de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao coa cidade, desde as súas primeiras visitas como estudante e tuno, ata a súa intensa actividade política, artística e intelectual na capital herculina entre 1906 e 1936.
A exposición foi vandalizada días atrás, un suceso que Castro describiu como “inaceptable” e que “procurou borrar cultura, ferir memoria e intimidar liberdade”.
Neste sentido, a previsión do Concello é que a mostra estea instalada na praza de Lugo ata finais do Nadal e que se estenda no tempo máis alá da previsión inicial.



