HomePontevedraCaldasPreto de 2.000 persoas mobilízanse en Caldas de Reis para "Defendere o...

Preto de 2.000 persoas mobilízanse en Caldas de Reis para “Defendere o Rural” contra o estudo da Variante Oeste

- Anuncio -spot_img

 A marcha, encabezada polos voceiros e voceiras das plataformas veciñais e o alcalde, Jacobo Pérez; o tenente de alcalde, Manuel Fariña, e o voceiro do PP, Fernando Pérez, acadou unha gran asistencia de veciños e veciñas das parroquias caldenses e de Portas, a pesares da chuvia.


 A marcha partiu do Hotel Sena e chegou ata a Praza das Palmeiras, onde as agrupacións veciñais deixaron claro que o o estudo “conta coa oposición frontal dos veciños e veciñas” tal e como está prantexado e insisten en que se elimine do proxecto a construción do acceso ao Porto de Vilagarcía

Arredor de 2.000 persoas saíron este sábado á rúa, desafiando á chuvia e ao mal tempo, para deixar claro e patente o seu rexeitamento contra o estudo da Variante Oeste prantexado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. A convocatoria realizada polas plataformas veciñais afectadas polo proxecto, en colaboración co Concello de Caldas de Reis, resultou todo un éxito. Os representantes dos colectivos expresaron o seu agradecemento a este respaldo e deixaron moi claro que “mentres non se cumpran as nosas peticións o Ministerio vaise atopar coa oposición frontal dos veciños e veciñas” e avanzaron a súa disposición a seguir “coa nosa loita ata conseguir os obxectivos marcados.

A entrada do Hotel Sena foi o punto de encontro para o inicio da marcha, na que tomaron parte veciños e veciñas das diferentes parroquias caldenses, así como de Portas, concello tamén afectado polo estudo. Á cabeza da comitiva, portando a pancarta principal, estaban os voceiros e voceiras das plataformas, acompañados polo alcalde, Jacobo Pérez; o tenente de alcalde, Manuel Fariña, e o voceiro do Partido Popular, Fernando Pérez, en representación dos tres grupos da Corporación. Unha vez comezada a marcha, que remataría na Praza das Palmeiras, comezaron a soar con forza as proclamas, os berros contra o estudo proposto polo Ministerio e os megáfonos. Pouco a pouco foise sumando cada vez máis xente a unha marcha que transcurriu sen incidentes, e que contou cun dispositivo por parte da Policía Local e de Protección Civil para garantir a seguridade e facilitar o tránsito.

A marcha cubriu unha distancia de algo máis dun quilómetro, a través da estrada N-640, en dirección ao núcleo caldense, ata finalizar na carpa habilitada na Praza das Palmeiras. Unha vez alí, os representantes das plataformas tomaron a palabra para lembrar que Caldas de Reis precisa dunha solución para calmar o tráfico e mellorar a seguridade, pero “non a costa de derrubar casas e non ter en conta á xente”. Neste sentido, cómpre lembrar que se presentaron preto de 5.000 alegacións contra o proxecto actual. Tanto os colectivos como o Concello insisten en que a futura actuación non inclúa a construción do acceso ao Porto de Vilagarcía, ao ser precisamente a parte que máis impacto ten sobre o municipio. “Pensamos que o estudo está deseñado dende un despacho, sen ter en conta ás persoas que vivimos nos núcleos rurais e as nosas necesidades”, advertiron os voceiros e voceiras dos colectivos de Bemil, Arcos, Santa María, Godos e Saiar.

O voceiro da coordinadora de plataformas, José Panadero, quixo agradecer tamén “a unión e o compromiso de todas as forzas políticas do Concello de Caldas”, así como “o apoio cidadán ás nosas reivindicacións. Todo isto danos máis forza para seguir esixindo o respecto dos nos dereitos”. As agrupacións confían en que esta mobilización de preto de 2.000 persoas “fose escoitada polo Ministerio” para que a futura actuación teña en conta as súas demandas.

Publicacións Relacionadas