Como vén sendo habitual, decembro é tempo de solidariedade en Neda. Da man da Asociación de Amas de Casa de Neda chega á vila coa ponte da Constitución unha cita clásica: o “Rastrillo solidario”. A proposta abre as súas portas na Casa das palmeiras este mesmo venres anticipando a chegada do Nadal.
Un ano máis, esta cita ofrecerá á veciñanza a posibilidade de mercar as típicas flores de Pascua, ademais dunha morea de obxectos artesanais realizados polas propias socias. Os fondos recadados destinaranse integramente ás familias con escasos recursos da localidade. Só un dato, o pasado ano, a entidade doou máis de 1.000 euros a este fin.
O Concello de Neda colabora con este mercado efémero, que poderá visitarse o venres 5, o sábado 6, e o domingo 7 de decembro en horario de mañá (de 11 a 14 horas) e de tarde (de 17 a 20 horas). Serán tres días nos que, da man da veterana asociación, nedenses e visitantes poderán adiantar a compra dalgúns detalles de cara as festas de Nadal e, ao tempo, poñer un grao de area nunha boa causa.



