HomeA CoruñaA CoruñaArrinca o Fanzine Fest 2025, con múltiples propostas de música electrónica e...

Arrinca o Fanzine Fest 2025, con múltiples propostas de música electrónica e artes visuais en espazos singulares da Coruña

- Anuncio -spot_img

O Planetario, a Domus, o Teatro Colón ou a Igrexa das Capuchinas serán algúns dos escenarios das diferentes actuacións programadas estes días

A Coruña volverá converterse en epicentro da creación electrónica e audiovisual cunha nova edición de Fanzine Fest, o festival de vangarda que desde fai máis dunha década impulsa a promotora coruñesa Fanzine Project co apoio do Concello da Coruña. O Teatro Colón, un dos espazos desta edición, acolleu esta mañá a presentación da programación, que estivo presidida polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. “Desde o Goberno de Inés Rey buscamos dar protagonismo aos artistas e promotores locais que apostan por proxectos dunha alta calidade cultural coma este, implicando á cidadanía e enchendo de arte espazos singulares da nosa cidade”, indicou Castro, que estivo acompañado polos directores do festival, Pablo Cubeiro e Roi Grobas.

A cita mantén a súa vocación de conectar a escena internacional co talento galego e estatal, á vez que amplía a súa presenza na cidade con tres novos espazos: o Museo de Belas Artes, a Igrexa das Capuchinas e o Teatro Colón, que se suman a sedes xa habituais como o planetario da Casa das Ciencias, a Domus, a Fundación Luis Seoane e a Sala O Túnel.

Durante sete días, Fanzine Fest despregará un percorrido sonoro e visual que une diferentes xeracións, xeografías e estilos dentro da electrónica contemporánea. O cartel de 2025 reúne a figuras internacionais como Orphx, Plant 43, Kerrie, Jerome Hill ou Electric Rescue, xunto a nomes destacados da escena nacional como Architectural ou Promising/Youngster. A eles súmase unha potente representación galega con Boneco & Hey Pablo!, Ángel Novcad, Jean Fixx, Bombyx Blow, Músculo!, Lex G, Roi, Slit Observers, Mist Gasp e Elektrógena, entre outros. No apartado visual destacan Gnomalab, Eloi Costilludo, Juan Lesta e The Panic Room, responsables das contornas inmersivas e directas AV/AV que caracterizan ao festival.

A viaxe de Fanzine Fest 2025 comezará baixo a cúpula do Planetario da Casa das Ciencias, onde o dúo Boneco & Hey Pablo! inaugurará o festival cun ao vivo audiovisual inmersivo.
Desde aí, a experiencia desprazarase ao recentemente incorporado Museo de Belas Artes, que acollerá as actuacións de Bombyx Blow e Jean Fixx, dúas propostas galegas que representan a nova experimentación sonora de proximidade.

A Domus, escenario crave do festival, acollerá a xornada FPS-BPM, dedicada ao audiovisual galego coa participación de Alberto Vazquez & Death Whistle e o colectivo MIL111, e na segunda xornada no museo, os directos de Ángel Novcad e Promising Youngster & The Panic Room.

A partir do venres, a Fundación Luis Seoane volverá ser un dos epicentros do festival con dúas intensas xornadas que reunirán a artistas como Architectural, Jerome Hill, Lex G, Aizikovic, Ekata, Electric Rescue, Nute, Diego Sanjurjo e Trokas confirmando a súa condición de espazo de encontro entre tradición arquitectónica e vangarda sonora.

O sábado 6, o Teatro Colón súmase por primeira vez ao percorrido cos directos de Ke Lepo & Félix Buff e Músculo! nun show no que tanto público como artistas estarán no escenario creando unha experiencia íntima e próxima ao artista.

O domingo pola mañá, a Igrexa das Capuchinas converterase nunha contorna de escoita contemplativa cos lives de Garza e Lefrenk. E como cada ano, a Sala O Túnel será o punto final da semana, cun evento en formato club no que participarán Orphx, Plant 43, Kerrie,Roi, Slit Observers, Elektrógena, Neukleonen, Mist Gasp, e un equipo de VJs encabezado por Gnomalab, Juan Lesta, The Panic Room e Eloi Costilludo.

Ademais dos concertos, Fanzine Fest 2025 contará con talleres e charlas destinadas a público infantil e adulto que levarán a cabo o sábado 6 na Fundación Luis Seoane. Os máis pequenos poderán gozar de dous talleres, ‘Viaxe ao centro do ritmo’ impartido por Sebastian Black e ‘Mini Mappers’, un taller de vídeo mapping desenvolvido por Gnomalab. Para o público adulto, a empresa de hardware musical galego OXI instruments organizan un taller de creación e performance cos seus instrumentos. E Patricia Hermida, presidenta da AGEM, dará unha charla sobre xestión de dereitos e monetización: ‘Os likes non pagan o alugueiro: Onde está o diñeiro na música?’

Más información, programación completa e venda de entradas en www.fanzinefest.com.

Publicacións Relacionadas