- O levantamento de actas previas terá lugar o día 18 de decembro, e a formalización será o día 12 de marzo do 2026
- Esta intervención, que suporá un investimento de preto de 573.000€, ten como obxectivo a execución dun novo itinerario peonil no tramo desta vía autonómica de case un quilómetro de lonxitude, entre os puntos 8+770 e 9+950
- A actuación complementa á mellora da intersección da PO-400 co vial que dá acceso a Setados, cuxa obra foi licitada a pasada semana, e á que as empresas interesadas na súa execución poden presentar as súas ofertas ata día 17 de decembro
- Esta actuación permitirá que a veciñanza realice desprazamentos a pé máis seguros e sostibles nesta contorna
- A intervención enmárcase na 2ª fase do Plan de Sendas de Galicia, que prevé executar máis de 120 km de itinerarios nas estradas autonómicas, cun orzamento de 69,7M€
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, ten convocado para o vindeiro mes de decembro e para marzo do 2026, os actos expropiatorios para construír a nova senda na estrada PO-400 entre O Castro e a vila das Neves.
Esta intervención, que suporá un investimento de preto de 573.000 euros, ten como obxectivo a execución dun novo itinerario peonil no tramo desta vía autonómica comprendido entre os puntos quilométricos 8+770 e 9+950.
O acto para o levantamento das actas previas á ocupación están convocados para o vindeiro día 18 de decembro, das 9.00 ás 10.00 horas, na Casa do Concello das Neves. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 12 de marzo do 2026, no mesmo horario e no mesmo lugar. O Diario Oficial de Galicia desta semana recolleu esta convocatoria.
A Xunta prevé aprobar o proxecto de construción e licitar as obras no primeiro semestre de 2026 para, a continuación, executalas.
En concreto, este novo itinerario, cunha lonxitude de case 1 quilómetro, iníciase no núcleo das Neves, dándolle continuidade á beirarrúa municipal situada á esquerda da estrada. Nesta zona existe un paso de peóns e a partir deste punto continuará a senda pola marxe dereita da estrada ata o núcleo do Castro, a partir do cal a senda se desdobra.
A senda discorrerá paralela á estrada ata o punto quilométrico 9+550, a partir do que aproveita o antigo trazado da PO-400, regresando a continuación á marxe da PO-400 para encarar o treito final. Este punto final enlaza co inicio do proxecto de mellora de intersección no PQ 9+980 da PO-400, que dá acceso a Setados, cuxa obra suporá un orzamento total de preto de 500.000€, e foi licitada o pasado día 21 deste mes, tendo de prazo as empresas interesadas ata o día 17 de decembro para presentar as súas ofertas.
Esta actuación permitirá unha circulación máis segura e sostible dos peóns, quedando tamén incluídas neste ámbito as paradas de transporte existentes.
2ª fase plan de Sendas de Galicia
A actuación enmárcase na 2ª fase do Plan de Sendas de Galicia, que inclúe a execución de máis de 120 quilómetros de itinerarios nas estradas autonómicas ata o vindeiro ano 2027, cun orzamento de 69,7M€.
A Xunta dálle así continuidade á 1ª fase do Plan, que xa permitiu acometer case 300 quilómetros de novas sendas e beirarrúas cun investimento de preto de 144 M€, e que foi recentemente distinguido nos premios europeos á excelencia na seguridade viaria 2024, impulsados pola European Road Safety Charter (ERSC).



