Xosé Merelles inaugurou esta tarde o Belén Artesanal en Movemento de Valga, declarado de interese turístico de Galicia
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo en valor o Belén Artesanal en Movemento de Valga, que este ano alcanza a 30 edición, como un recurso turístico que “potencia desde o turismo máis rural ao máis urbano, cunha oferta en xeral que destaca o patrimonio, a historia e a singularidade da oferta turística de Galicia”. Xosé Merelles inaugurou esta tarde esta composición que estará aberta ata o 11 de xaneiro e que tamén forma parte do folleto Nadal en Galicia, impulsado por Turismo de Galicia.
O director de Turismo salientou que este tipo de eventos “concentran nas localidades que os acollen unha serie de visitas fóra de tempada que contribúen á desestacionalizar o destino, xerando e repartindo riqueza polo territorio”.
O Belén Artesanal en Movemento de Valga que o ano pasado recibiu 45.000 visitas, está recoñecido como Festa de Interese Turístico de Galicia, sendo o primeiro en acadar esta distinción e compartindo na actualidade este recoñecemento co Belén Electrónico de Begonte. A composición mestura as típicas escenas do Nadal de calquera Nacemento con imaxes propias de actualidade. Trátase do belén artesanal en movemento máis grande de Galicia e un dos máis importantes de España.



