HomePontevedraTeresa Covelo releva a Fernando Pintos ao fronte da Comunidade de Montes...

Teresa Covelo releva a Fernando Pintos ao fronte da Comunidade de Montes de Salcedo

- Anuncio -spot_img

Convértese na primeira muller da parroquia en ostentar esta responsabilidade que compartirá con 14 membros da Xunta Reitora.

A asemblea decidiu, por unanimidade, nomear a Fernando Pintos Pereira primeiro presidente de honra da Comunidade de Montes de Salcedo

Teresa Covelo Lores relevará a Fernando Pintos Pereira despois de 15 anos exercendo a función de presidente ao fronte da Comunidade de Montes de Salcedo por decisión unánime da asemblea celebrada este sábado 29 de novembro no salón de actos da Casa Verde na que se tomaron varios acordos, entre eles, nomear a Fernando Pintos Pereira primeiro Presidente de Honra da entidade parroquial, o deslinde coa comunidade de Vilaboa e un convenio de cesión de uso de terreos ao Club Ciclista Farto.

Fernando Pintos, que dirixiu en todo momento a asemblea ordinaria, fixo entrega aos comuneiros que encheron por completo o aforo da Casa Verde un informe de xestión dos seus 15 anos de presidencia no que se recollen os logros da loita comuneira, a recuperación do monte de Salcedo de mans dos militares, as protestas contra a implantación da zona de seguridade así como todo un proceso de saneamento e posta en valor do patrimonio forestal e paisaxístico da superficie comuneira.

Nunha asemblea de transición xeracional, que resultou moi emotiva para os membros da Xunta Reitora así como para o presidente saínte e a entrante, aprobáronse tamén por unanimidade dos presentes todos os puntos da orde do día entre os que cabe salientar o deslinde de común acordo dos montes entre Salcedo e Vilaboa así como a cesión de uso por un periodo de tres anos de varios terreos para facilitar o adestramento dos nenos e nenas adscritos ao Club Ciclista Farto.

Unha vez rematada a asemblea ordinaria procedeuse a realizar a extraordinaria na que se elixía nova Xunta Reitora. Despois de constituirse a mesa electoral, presidida por Ramón López Laxe, procedeuse a proclamar como única candidatura presentada á elección a encabezada por Teresa Covelo Lores, que viña exercendo de vicepresidenta no equipo de Fernando Pintos, e que foi respaldada de xeito unánime (houbo dúas abstencións) por máis dun cento de comuneiros que se deron cita na reunión parroquial.

Teresa Covelo agradeceu a confianza depositada tanto nela como na Xunta Reitora que a acompaña e que estará formada polo mesmo equipo ademais dunha nova incorporación e fixo un percorrido de agradecemento a todos e cada un dos membros das distintas xuntas reitoras que foron rexindo o funcionamento da Comunidade de Montes de Salcedo desde os seus inicios.

Durante a súa intervención e para sorpresa de Fernando Pintos, anunciou que por acordo unánime de todos os membros da nova Xunta Reitora sometíase a decisión da asemblea o nomeamento de Pintos Pereira como primeiro Presidente de Honra da Comunidade de Montes de Salcedo que foi secundada por unanimidade dos presentes entre aplausos pola iniciativa.

A asemblea rematou coa proxección dun documental sobre a loita comuneira protagonizado pola veciñanza de Salcedo e que supuxo un exemplo de unidade de acción e de reivindicación do común fronte ás pretensións dos militares da Brilat de apropiarse do monte e perturbar a convivencia e a paz social na parroquia.

Rematado o vídeo, tomou a palabra de despedida do cargo Fernando Pintos quen agradeceu o nomeamento, o afecto e o respaldo unánime dos comuneiros así como o acompañamento e o apoio que ao longo dos 15 anos de mandato tivo ao fronte da Comunidade de Montes de Salcedo destacando como legado a unión parroquial, o sentido de boa veciñanza e a solidaridade entre veciños e veciñas. Desexoulle o mellor á nova presidenta, Teresa Covelo, de quen dixo que estaba sobradamente preparada para afrontar o relevo xeracional e amosoulle todo o seu apoio e á nova Xunta Reitora á que se unirá como asesor e colaborador naqueles temas e xuntanzas para as que sexa reclamada a súa presenza e axuda.

Publicacións Relacionadas