O 2025 foi o ano que rexistrou un maior número de traballos presentados para optar aos Premios Provinciais á Xuventude, cun total de 111 propostas
Na gala, na que actuará André Touza –premiado o pasado ano na categoría de mellor traballo musical- e será conducida pola xornalista Bibiana Villaverde, desvelaranse os 38 traballos galardoados que recibirán premios por valor de 31.000 euros
A Deputación de Pontevedra entregará os Premios á Xuventude nunha gala que terá lugar este xoves a partir das 19:00 horas no Pazo provincial con récord de participación e coa presenza do presidente, Luis López, e o deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela. Este 2025 foi o ano que rexistrou o maior número de traballos, cun total de 111 presentados para optar a algunha das categorías destes galardóns. Na gala, na que actuará André Touza –premiado o pasado ano na categoría de mellor traballo musical- a través do grupo Barallocas, e que será conducida pola xornalista Bibiana Villaverde, desvelaranse os 38 traballos galardoados que recibirán premios por valor de 31.000 euros.
A categoría dos Premios Provinciais á Xuventude co maior número de proxectos presentados é o de traballo literario breve, con 36 iniciativas, seguida da de fotografía orixinal, con 23, e banda deseñada, con 14 proxectos. Ademais, completan os 111 traballos presentados propostas enmarcadas nas categorías de traballos de investigación, traballos musicais, iniciativas empresariais, traballos de deseño e moda, contidos audiovisuais, iniciativas xuvenís e iniciativas xuvenís en concellos, así como traballos de educación en valores. As e os 38 gañadores serán desvelados durante a gala, na que se darán a coñecer os nomes das persoas galardoadas así como o dos seus traballos que optarán a premios con contías que abranguen entre os 400 euros e os 2.000 euros.
Con estes premios a Deputación de Pontevedra recoñece e valora publicamente os méritos excepcionais da xuventude e o seu potencial, talento e creatividade. Ademais, os Premios Provinciais á Xuventude representan o compromiso da mocidade da provincia de Pontevedra coa cultura, coa ciencia, coa investigación, coa iniciativa empresarial ou co medio natural.



