HomeXunta de GaliciaA Xunta convoca axudas para acturacións de conservación e mellora das árbores...

A Xunta convoca axudas para acturacións de conservación e mellora das árbores de formacións senlleiras de Galicia por un importe global de 90.000€

- Anuncio -spot_img
  • Poderán chegar a cubrir ata o 100% do custo das actuacións subvencionables, cun límite de 4.500 € por árbore e de ata 8.000 € no caso das formacións
  • O Catálogo galego de árbores senlleiras, ferramenta en constante actualización, está integrado por un total de 205 elementos pertencentes a 84 especies diferentes

A Xunta publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de dúas liñas de axudas, cun orzamento global de 90.000 euros, para a posta en valor e conservación dos exemplares que forman parte do Catálogo galego de árbores senlleiras a través da execución de distintos tipos de actuacións de mellora, conservación e divulgación.

En concreto, resérvanse 30.000 euros para apoiar a concellos ou agrupacións locais titulares dalgún destes elementos senlleiros e outros 60.000 euros destinados a axudar a executar actuacións promovidas por propietarios particulares.

O importe das achegas poderá cubrir ata o 100% dos gastos subvencionables realizados ata o 15 de outubro de 2026 —entre os que se inclúen traballos de poda e control da copa, tratamentos fitosanitarios, retirada de elementos prexudiciais ou accións de divulgación e sinalización—, cun límite de 8.000 euros no caso das formacións senlleiras e de 4.500 euros cando se trate dunha soa árbore.

Ademais, este ano e como novidade, considerouse convinte incluír como criterio de valoración das solicitudes que o elemento en cuestión estea localizado nalgún dos municipios que se viron afectados polos incendios do pasado verán.

Con estes apoios, a Xunta leva anos contribuíndo a que se executen accións destinadas a garantir o mantemento, posta en valor e protección destes exemplares singulares, que en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou outro tipo de circunstancia son merecedores dunha especial protección.

Cómpre salientar que o Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins a protección da natureza.

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables.

Na actualidade, forman parte do catálogo un total de 205 elementos —157 exemplares e 48 formacións arbóreas— pertencentes a 84 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:

PROVINCIAÁRBORESFORMACIÓNSTOTAL
A Coruña431457
Lugo36743
Ourense23629
Pontevedra552176
Total15748205

Publicacións Relacionadas