O presidente provincial resume nun encontro diante de rexedores dos catro concellos desta comarca os proxectos que está a financiar a Deputación a través do primeiro Plan Extra, do que se benefician os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes
A Administración provincial destina 4,3M€ a través dos fondos do +Provincia e do Plan Extra para financiar o maior parte dos proxectos propostos polos gobernos locais de cangas, Bueu, Marín e Moaña
A través da primeira convocatoria deste plan, a Deputación fai posible a execución de dúas humanizacións, a reforma dun pavillón e a construción dun novo parque
O prazo de presentacións de solicitudes para a segunda convocatoria do Plan Extra pecha cun novo éxito de concorrencia: os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes volveron pedir subvencións para executar proxectos estratéxicos
“O Plan Extra é un proxecto de provincia no que os concellos achegan as ideas e a Deputación, os recursos para executalas, moitas delas ao 100 %”, sostén López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca un investimento de 5 millóns de euros nos catro concellos das comarcas do Morrazo ao abeiro da primeira convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria Plan Extra. O mandatario provincial dá continuidade en Cangas do Morrazo á serie de encontros comarcais iniciada en Moraña, seguida de encontros no Porriño e A Guarda, para facer balance dos proxectos postos en marcha ao abeiro grazas a este novidoso programa que, dotado con 38M€ de euros de orzamento, atendeu o 100 % das solicitudes presentadas beneficiando aos 59 concellos de menos 50.000 habitantes da provincia. “O Plan Extra é un proxecto de provincia no que os concellos achegan as ideas e a Deputación, os recursos para executalas, moitas delas ao 100 %”, definiu Luis López a vocación dun plan que xa ten en marcha a súa segunda convocatoria, que volveu ser un éxito absoluto de concorrencia.
No pavillón do Gatañal, diante de rexedores, concelleiros e representantes do tecido veciñal dos concellos de Cangas, Moaña, Marín e Bueu; o presidente da Deputación puxo o foco no carácter estratéxico e transformador dos catro proxectos que se están a executar xa ao abeiro deste Plan Extra, do papel da Deputación para financiar a maior parte das obras, o 100 % nalgúns casos; e na lealdade institucional do executivo provincial para respectar a autonomía dos gobernos municipais á hora de decidir os proxectos a desenvolver. “A autonomía dos concellos acada unha nova dimensión ao dotar a Deputación das ferramentas necesarias a través deste plan, que permite facer realidade esa obra tan necesaria e que tantos anos levaba agardando a súa oportunidade nun caixón”, afirmou López.
Entre os proxectos beneficiarios das subvencións deste Plan Extra na comarca do Morrazo está o da mellora do pavillón do Gatañal que contribúe desde Cangas “á consolidación da provincia do deporte” cun orzamento de 1,1 millóns de euros financiado ao 100 % polo organismo provincial a través da combinación dos recursos do Plan Extra e o +Provincia. A mesma fórmula que fixo posible en Bueu o investimento de 900.000€ para o financiamento do 100 % do custo do proxecto do novo parque Urbano Lugrís, nunha nova mostra do goberno provincial do respecto pola autonomía dos gobernos locais, que escollen que proxectos executar cos recursos provinciais que lles corresponden.
Fomento da cooperación entre administracións
Con todo, noutros casos son os concellos os que completan os con fondos propios ou con subvencións doutras administracións porque desde a Deputación “premiamos a capacidade dos gobernos locais para conseguir recursos doutras administración, sen ningún tipo de cláusula que os penalicen”, puntualizou López. Son as situacións do Concello de Moaña, onde a Deputación achegou un total de 1,2M€ a través do Plan Extra e o +Provincia para a humanización da contorna histórica de San Martiño que completou o Concello cunha achega de 200.000€ a un proxecto valorado nun total de 1,4M€; e do Concello de Marín, no que a humanización da rúa Tiro Naval Janer recibe da Deputación 1,1M€ para unha actuación valorada en 1,6M€ que completa o Concello con 0,5M€.
En suma, a primeira convocatoria do Plan Extra da Deputación serviu para mobilizar un total de 5 millóns de euros nos catro concellos do Morrazo, dos que o organismo provincial achega 4,3 millóns. Un revulsivo que terá continuidade o vindeiro ano, porque a segunda convocatoria do Plan Extra vén de pechar recentemente o prazo de presentación de solicitudes e supuxo novamente un completo éxito de participación. “Unha nova demostración da cantidade de proxectos ambiciosos e creativos que os concellos teñen preparados para executar en canto teñen a oportunidade”, dixo López, quen adiantou que no caso destes concellos inclúen un conxunto de catro propostas que suman un investimento total de 4,3M€ que se atopan xa en fase de valoración.
Compromiso cos concellos
A colaboración da Deputación cos concellos pequenos e medianos da provincia resulta crucial para executar proxectos estratéxicos que teñen o obxectivo de mellorar as infraestruturas e os servizos para mellorar a calidade de vida da veciñanza que vive nestes municipios. Con todo, a achega do organismo que preside Luis López non se limita unicamente á execución deste tipo de proxectos, tamén promove a actividade cultural, social ou turística a través de iniciativas de todo tipo.
“Escoller Cangas para organizar este encontro é moi pertinente”, declarou o presidente para contextualizar a celebración deste encontro nun concello que é un dos emblemas turísticos das Rías Baixas, ao combinar a tradición e cultura mariñeira cunha riqueza e beleza natural incomparable. Un concello que, xuntos cos sesenta restantes da provincia, será beneficiario do esforzo investidor previsto pola Deputación para o vindeiro, que repartirá 128M€ nos concellos pequenos e medianos da provincia a través dos plans de cooperación +Provincia, Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e Plan Extra. “Esta é unha provincia de 61 concellos cos que estamos comprometidos en todo, con toda a forza da que dispoñemos”, concluíu o presidente Luis López.



