O alcalde felicita os responsables dos restaurantes Nova, Ceibe e Miguel González polo seu excepcional labor
O Concello destacará o potencial gastronómico da cidade nas súas campañas de promoción
A cidade de Ourense sitúase na vangarda da cociña con 3 restaurantes galardoados coa estrela da prestixiosa Guía Michelín para o ano 2026. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e representantes dos grupos políticos municipais de DO, PP e PSdeG-PSOE recibiron no salón de plenos os responsables dos restaurantes Nova, Ceibe e Miguel González, que obtiveron este recoñecemento polo súa excepcional cociña. Por primeira vez, a cidade conta con 3 establecementos nesta prestixiosa lista, que pon en valor o potencial da restauración local.
O alcalde subliñou a importancia deste recoñecemento “é un orgullo ter unha representación tan alta. Que na cidade haxa 3 restaurantes agraciados é unha anomalía estatística, xa que hai moi poucas cidades en España que teñan esa honra”. Este éxito “reforza a comida tradicional que temos en Ourense cos restaurantes de toda a vida”, e que “tentaremos que teña recoñecemento nacional”.
O alcalde avanzou que o Concello aproveitará a “fortaleza” que supón o potencial gastronómico de Ourense nas compañas de promoción da cidade que desenvolverá proximamente, nas que usará o lema “Ourense brilla con 3 estrelas Michelín”
Asistiron ao acto Julio Sotomayor e Daniel Guzmán, do restaurante Nova (Valle Inclán, que desde hai unha década loce a estrela Michelín. Guzmán manifestou que é “un orgullo” que tres restaurantes da cidade teñan este recoñecemento: “somos competencia pero tamén compañeiros de gremio que loitamos por facer unha hostalaría mellor”, e valorou a importancia da promoción nun sector que necesita “desestacionalizar a nosa clientela os 12 meses do ano”. “Seguiremos loitando”, asegurou.
Por parte de Ceibe, local emprazado na rúa San Miguel que conta coa estrela Michelín desde 2023, asistiron Xosé Magalhães e Lydia del Olmo, que felicitou o traballo de todos os compañeiros “por seguir traballando e facendo posible que a marca Ourense abarque máis alá da propia comunidade. É cuestión de traballo, loita e sacrificio, e non só noso senón tamén dos nosos traballadores, que xa son familia”. Tamén incidiu en que “fai falla máis traballo por parte da institucións para apoiar, fomentar e facer posible que os mozos queiramos emprender e seguir manténdonos no tempo”. “Queremos ser felices, traballar e levar o pan cada día aos nosos fogares”, e contribuír a que “a marca Ourense siga loitando onde ten que loitar”
Miguel González, que recupera a súa estrela desde un novo local na avenida de Pontevedra, manifestou que ”Ourense sabe moi rico, estanse facendo as cousas moi ben no aspecto gastronómico. Temos un amplo abano de gastronomía de todo tipo. Ter 3 estrelas Michelín nunha localización tan pequeniña como son en 700 metros é un privilexio e un luxo, que ogallá todos o saibamos aproveitar e explotar”. Porén, asegurou: “unha estrela Michelín non é levar un pan debaixo do brazo senón traballar todos os días moitísimo para tratar de rendibilizar un negocio que cada día queremos facer de maior calidade”



