- O conselleiro sinalou que os locais estarán operativos a partir do venres coincidindo co mercado Artesanía, Saber e Sabor, e que o programa continuará nos próximos meses transformando espazos pechados en negocios abertos e rendibles
- Destacou que, como mostra do interese que esperta o proxecto, xa hai tres locais adxudicados e que o resto tamén acollerán propostas artesanais durante todo o Nadal, en sinerxía co resto de actividades programadas polo Concello
- Posteriormente, Indicou que os negocios adxudicados se manterán activos e que se completará o acondicionamento dos locais pendentes para a súa incorporación definitiva ao programa, co obxectivo de acadar 15 locais en funcionamento en 2026
- Lembrou que Vilas Vivas é unha iniciativa pioneira enmarcada no Plan estratéxico do comercio que se desenvolverá de xeito piloto en Ribadavia co obxectivo de ampliarse no futuro a outras localidades senlleiras con alta concentración de locais pechados
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta tarde Ribadavia para supervisar o acondicionamento dos locais integrados no proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas, que botará a andar este venres 5 de decembro no marco da segunda edición do evento Artesanía, Saber e Sabor.
González lembrou que Ribadavia acolle a primeira experiencia deste proxecto —recollido no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 e con vontade de continuidade noutras vilas galegas— e que ten como obxectivo recuperar e rehabilitar baixos en desuso nas vilas históricas para poñelos a disposición do tecido comercial e artesán. Durante o percorrido, o conselleiro visitou os nove primeiros locais habilitados, que estarán operativos nesta ponte de decembro e cuxo desenvolvemento continuará nos próximos meses, transformando espazos históricos pechados en negocios abertos e rendibles.
Como mostra do dinamismo do programa e do interese que está a xerar, o conselleiro destacou que xa hai tres locais adxudicados —Colmado de Sabores, A Tafona do Camiño e Pura Vila— que abrirán as súas portas a partir do 5 de decembro. Ademais, xunto aos restantes espazos, ofrecerán propostas artesanais durante todo o Nadal, en sinerxía co conxunto das actividades do concello e do propio comercio local, incluíndo a ambientación de escaparates. Posteriormente, os negocios adxudicados manteranse operativos e rematará o acondicionamento dos locais pendentes para a súa incorporación definitiva ao programa, co obxectivo de acadar 15 establecementos en funcionamento a mediados de 2026.
O conselleiro salientou que Vilas Vivas é un proxecto vivo e flexible, cun desenvolvemento gradual destinado a artellar unha zona comercial tractora que impulse a economía local da man dos seus axentes —comercio, hostalaría, Praza de Abastos…—. Neste sentido, apuntou que se está aproveitando a identidade histórica de Ribadavia, xunto a elementos diferenciais como o viño do Ribeiro, o patrimonio, a paisaxe, o termalismo ou a gastronomía, co fin de deseñar unha proposta integral de cara ao visitante, tanto galego como de fóra da comunidade, nun momento no que o AVE ofrece novas oportunidades de conexión.
Mercado Artesanía Saber e Sabor
O lanzamento de Vilas Vivas coincidirá co mercado Artesanía, Saber e Sabor, que se celebrará en Ribadavia a partir deste venres 5 e ata o 8 de decembro, en colaboración coa Consellería do Medio Rural. Tras o éxito da experiencia piloto de 2024, que reuniu milleiros de visitantes, esta nova edición volverá converter o casco histórico nun mercado de produtos artesáns e alimentarios de calidade, acompañado dun amplo programa de actividades con obradoiros, música e sorteos.



