HomeA CoruñaPersisten os problemas no transporte público comarcal

Persisten os problemas no transporte público comarcal

- Anuncio -spot_img

Numerosos cidadáns continúan a comunicar ao Concello os constantes problemas e incidencias que padecen a diario polo pésimo servizo de transporte público existente na comarca da Coruña. Son moitas as persoas que seguen a denunciar que os buses van cargados en horas punta, quedando xente nas paradas sen poder montar, impuntualidades, buses que non pasan,…

En contra desa realidade, a Xunta de Galicia, que ten as competencias de transporte en todos os concellos de menos de 50.000 habitantes, insiste en afirmar que “o sistema detectou correctamente a prestación do 99,5 % dos servizos previstos”. Unha política coa que só se beneficia á empresa concesionaria, xa que nin se ofrece unha calidade mínima nin se atende ás necesidades de desprazamentos da cidadanía; cando cun bo servizo de autobuses sacaríanse coches das estradas e melloraría o tráfico, tan castigado na comarca da Coruña polo déficit de infraestruturas viarias xerais.

En novembro do pasado ano, o Concello reclamou por escrito á Xunta diversas melloras para o transporte público que continúan sen ser atendidas. Entre outras, o Concello demanda prolongar a liña Entrexardíns-O Seixal ata a Igrexa de Nós; implementar novas liñas para atender as zonas de Franzomel, Abeleiras e Xaz; crear unha liña circular entre Perillo e a Universidade; e reforzar as liñas principais, cando menos en horas punta: as que cubren Dexo, Serantes, Maianca, Dorneda, Liáns e Perill; e a de Oleiros, Montrove e Perillo.

O luns da próxima semana está prevista unha reunión entre Xunta e Concello. No caso de que o Goberno autonómico persista na súa actitude de ignorar o clamor cidadán para que se mellore o transporte na comarca coruñesa, desde Oleiros farase un chamamento a todos os concellos para organizar unha mobilización conxunta na que esixir á Xunta de Galicia que cumpra coas súas obrigas en materia de transporte.

Publicacións Relacionadas