HomeA CoruñaO 2º pleno infantil recolleu propostas para a mellora dos parques infantís

O 2º pleno infantil recolleu propostas para a mellora dos parques infantís

- Anuncio -spot_img

O alcalde agradeceu as achegas sobre esa e outras cuestións, que cualificou como “interesantes, valiosas e útiles” e serán tidas en conta polo Concello.

A Casa da Cultura acolleu esta mañá o 2º Pleno Infantil do Concello da Laracha, unha sesión na que 14 rapaces e rapazas representaron aos centros de ensino e ao Espazo de Participación da Infancia e da Adolescencia (EPIA) expoñendo as súas propostas e reflexións sobre distintos asuntos de interese xeral municipal. O Pleno estivo presidido polo alcalde, José Manuel López Varela, e pola concelleira de Servizos Sociais, Rocío López.

O eixo principal das intervencións foi a mellora dos parques infantís do Igrexario de Vilaño, do Cruceiro de Lendo, da Porta Santa de Paiosaco e da Praza do Concello, así como o novo parque que o Concello construirá no Igrexario de Coiro. Os rapaces presentaron ideas para que sexan consideradas nos proxectos, centradas en aspectos como a accesibilidade, a seguridade, a renovación do equipamento e a incorporación de espazos máis inclusivos e creativos. Os rapaces mostraron o seu coñecemento das necesidades ao ser eles os usuarios máis habituais destas áreas de xogos.

Ademais dese punto previsto na Orde do Día, o alumnado dispuxo dun tempo para expoñer rogos e preguntas de maneira libre, a través do que trasladaron ao Concello outras preocupacións e suxestións relacionadas coa vida diaria no termo municipal. A diversidade de temas amosou, unha vez máis, o interese e o compromiso dos nenos e nenas coa mellora da súa contorna.

O alcalde e a concelleira de Servizos Sociais agradeceron publicamente as achegas realizadas, que cualificaron de “moi interesantes, valiosas e útiles”, asegurando que serán tidas en conta no deseño e planificación das actuacións municipais precisas.
Entre o público asistente atopábanse docentes dos centros de ensino, alumnado e familiares dos participantes, que quixeron acompañar e apoiar aos voceiros escollidos polos CEIP Otero Pedrayo, Caión e Alfredo Brañas, o IES Agra de Leborís e o EPIA.

Os representantes do Concello lembraron que o EPIA mantén reunións quincenais abertas a todos os nenos e nenas que desexen formar parte del, reforzando así o compromiso municipal coa promoción da participación infantil e adolescente. Grazas a este traballo continuado, A Laracha recibiu recentemente o recoñecemento de “Cidade Amiga da Infancia” outorgado por UNICEF.

O vídeo completo do 2º Pleno Infantil está dispoñible para a súa visualización na canle de YouTube do Concello da Laracha, onde foi emitido en directo.

Publicacións Relacionadas