HomePontevedraPontevedraDomínguez, recibe ao comité de empresa de Ence: “A miña prioridade absoluta...

Domínguez, recibe ao comité de empresa de Ence: “A miña prioridade absoluta é conseguir que se garantan os postos de traballo en Pontevedra”

- Anuncio -spot_img

• O líder dos populares na cidade urxe á dirección da factoría “para cumprir os seus compromisos coa comarca, protexer os empregos que sustentan a centenares de familias e actuar con responsabilidade para evitar un escenario de despedimentos”

• O dirixente do PP tamén reclama investimentos na planta de Lourizán, para garantir o futuro industrial en Pontevedra, e a continuidade do Plan Social de Ence, que reparte 3M€ anuais en proxectos para seis áreas de actuación diferentes

O portavoz municipal e presidente local do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, trasladou unha mensaxe firme de apoio a todos os traballadores da fábrica de Ence en Lourizán, no medio do conflito aberto polo expediente de regulación de emprego (ERE) que supoñería a perda de 39 postos de emprego: “A miña prioridade absoluta é conseguir que se garantan os postos de traballo en Pontevedra”.

O líder do PP na cidade, acompañado polo concelleiro Martín Martínez, recibiu na sede da formación local ao presidente do comité de empresa da fábrica de Ence en Pontevedra, Santiago Cerqueiro, e ao secretario, Omar Vázquez, para escoitar de primeira man a súa postura fronte ao ERE, que derivou nunha contundente acción sindical coa convocatoria de ata 12 xornadas de folga.

Domínguez, consciente da frustración que senten os traballadores da factoría despois de anos co seu futuro laboral no aire, urxiu a Ence “a cumprir os seus compromisos coa cidade e a comarca, protexer os empregos que sustentan a centenares de familias e actuar con responsabilidade para evitar un escenario de despedimentos”.

Así mesmo, reclamou a continuidade do Plan Social de Ence, co que a empresa inviste 3 millóns de euros anuais en axudas para proxectos de seis áreas de actuación diferentes, e tamén a aposta por realizar os investimentos necesarios na planta de Lourizán, para asegurar a súa viabilidade a medio e longo prazo, garantindo así o futuro industrial da empresa na cidade de Pontevedra.

“A miña posición, e a de todo o meu grupo municipal, sempre será a defensa de todos os postos de traballo que xera Ence na cidade e os compromisos coa comarca”, concluíu Domínguez apelando á responsabilidade da empresa e ao esforzo conxunto da dirección empresarial, traballadores e axentes sociais para protexer o emprego.

Publicacións Relacionadas