HomeA Coruña“Parroquias con voz”, comezan as xuntanzas para explicar proxectos e recoller demandas...

“Parroquias con voz”, comezan as xuntanzas para explicar proxectos e recoller demandas veciñais

- Anuncio -spot_img

O BNG de Ribeira pon en marcha unha rolda de reunións nas parroquias do municipio coa finalidade de intensificar o diálogo directo coa cidadanía, explicar o traballo desenvolvido durante os últimos dous anos e medio de goberno e presentar os proxectos e investimentos que quedaron planificados e orzamentados para os vindeiros meses. O portavoz e o responsable local do BNG, Luís Pérez e Rafael Pazos respectivamente, explicaron que este proceso servirá ademais para recoller de primeira man as propostas, suxestións e inquedanzas das veciñas e veciños de cada lugar.

Este calendario de encontros fora preparado polo goberno antes da recente moción de censura, como parte dun modelo de xestión baseado na transparencia, na planificación e na participación activa da comunidade. Para o BNG, dar continuidade a este proceso é fundamental para garantir que todas as parroquias teñan voz propia e que as súas necesidades sexan atendidas con rigor e visión de futuro.

Investimentos nas parroquias de 5,5 millóns de eurosen dous anos
O portavoz municipal e exalcalde, Luís Pérez Barral, lembra que “neste tempo avanzouse en múltiples ámbitos, especialmente na dotación de servizos básicos nas parroquias chegando á cantidade de 5,5 millóns de euros en tan só 2 anos e medio para pavimentacións, dotación de auga potable e saneamento. Queremos explicar en detalle, para que a cidadanía saiba o que se fixo, o que se deixou encamiñado e cara onde queremos seguir avanzando”. Pérez sinala que esta iniciativa responde ao compromiso adquirido coa veciñanza de manter unha relación directa, aberta e facer unha oposición construtiva.

Durante estas reunións, o BNG presentará un balance detallado das actuacións realizadas nos últimos dous anos e medio, así como dos proxectos xa redactados e que contan con recursos para poder desenvolverse ao longo dos vindeiros meses. “Deixamos proxectos por valor de 1,4 millóns de euros destinados ás parroquias que van permitir mellorar a calidade de vida da poboación xa que con eles se financiarán servizos básicos como os que mencionamos e son actuacións que nos demandou a veciñanza” argumentou Barral. A organización nacionalista tamén abrirá un espazo de diálogo para que as persoas asistentes poidan expoñer as súas necesidades, prioridades e preocupacións.

O grupo municipal destaca que Ribeira precisa unha planificación seria e a longo prazo, e que os proxectos comezados non deben quedar interrompidos. “Temos a responsabilidade de explicar con claridade o traballo feito e de seguir escoitando á xente, porque a participación cidadá non é un eslogan, senón unha forma de gobernar”, subliñan.

As datas e lugares das diferentes reunións serán: Corrubedo mércores 3 de decembro ás 19:30h na casa do mar, Palmeira martes 9 ás 19:30h na casa do mar, Carreira martes 16 de decembro ás 19:30h no centro social e Aguiño mércores 17 ás 19:30h na confraría. As demais xuntanzas realizaranse tralo Nadal e difundidas a través dos canais oficiais do BNG de Ribeira.

O BNG anima a toda a veciñanza a participar activamente nestes encontros, que se celebrarán en todas as parroquias do municipio, co obxectivo de seguir construíndo un concello próximo e centrado nas persoas.

Publicacións Relacionadas