HomeVigoO PorriñoO concello do Porriño concede 175.000 euros en subvencións ás comunidades de...

O concello do Porriño concede 175.000 euros en subvencións ás comunidades de augas para mantemento e inversión nas súas instalacións

- Anuncio -spot_img

 O alcalde Alejandro Lorenzo e o concelleiro Marcos Martínez fixeron entrega as axudas aos representantes das 22 entidades beneficiarias

O Concello do Porriño fixo entrega das subvencións ás 22
comunidades de augas beneficiarias da convocatoria municipal correspondente ao ano 2025, dotada con 175.000 euros. Esta liña de axudas, que o Concello vén convocando anualmente, ten por obxecto garantir un abastecemento seguro e de calidade en todas as parroquias, apoiando tanto o mantemento ordinario das instalacións como investimentos en obras e renovacións da rede de distribución.

A convocatoria comprende dúas liñas de actuación. A primeira, destinada ao mantemento, conta cun orzamento de 95.000 euros e inclúe traballos de captación de auga —como fontes, pozos e a súa contorna—, conservación de sistemas de almacenamento e potabilización, reparacións na rede de distribución, actuacións nas instalacións e gastos derivados da adaptación ao protocolo de autocontrol en coordinación co programa de vixilancia sanitaria da auga. A segunda liña, dedicada a investimentos, está dotada con 80.000 euros e permite executar obras en inmobles das propias entidades ou daqueles sobre os que teñan dereito de uso.

As entidades puideron solicitar axudas en ambas liñas, nun programa que se foi consolidando e reforzando ao longo dos últimos anos. En 2021 destináronse 82.479,42 euros, en 2022 foron 87.353,01 euros; en 2023 case duplicouse a cifra superando os 160.000 euros e, nos dous últimos exercicios, o importe incrementouse ata acadar os 175.000 euros.

O acto de entrega contou coa presenza do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e do concelleiro de Parroquias e Comunidades de Auga, Marcos Martínez. O rexedor destacou o compromiso do Concello co mantemento dun servizo esencial para o rural. “Estas axudas son fundamentais para que as comunidades de augas poidan garantir un abastecemento seguro, moderno e en boas condicións. O noso obxectivo é seguir reforzando ano a ano esta colaboración para que todas as parroquias conten con infraestruturas adecuadas e unha auga de máxima calidade”, manifestou. O alcalde puxo en valor o traballo das entidades veciñais, “as comunidades son un exemplo de organización e responsabilidade colectiva. Estas subvencións son un recoñecemento ao seu esforzo e unha ferramenta para facilitarlles un labor que é esencial para a veciñanza”.

As entidades ás que se lle concedeu axuda por cumprir todos os requisitos da convocatoria son: Monte y
Folón, Iglesia y Outeiro, San Jorge, Buraco da Raposa, Chenlo, Covelo, Torneiros, Bouza, O Cerquido, Cans, Atios, Contrasto, Carracido, A Devesa, A Graña, Mosteiro, 2ª Mosteiro, Vaquería, Rozadas-Eiris, Cruz, Vitureira e Casal-Chan-Orbenlle.

O Concello reafirma así o seu compromiso co abastecemento veciñal e coa mellora continua das infraestruturas de auga en tódalas parroquias do municipio.

Publicacións Relacionadas