O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de participar na presentación da décima edición de Novos Cinemas, “unha das grandes citas dos Rías Baixas Film Fest”, a marca provincial que integra un circuíto de festivais de cinema para “aproximarse ao mellor do panorama audiovisual galego e mundial”. Domínguez enxalzou a programación deseñada para esta nova edición do festival, que contempla unha ampla programación cinematográfica, encontros profesionais, mesas de debate, presentación de proxectos audiovisuais, e, entre outras cuestións, a entrega do Premio de Cinematografía Novos Valores a Carla Simón.
Ademais, na presentación do festival, Domínguez puxo en valor o “gran momento que está a vivir a cultura” e o esforzo inversor da Deputación de Pontevedra nesta materia, que de cara ao 2026, contará cun orzamento de preto de 6 millóns de euros e, entre outras novidades, incrementará os recursos da liña de patrocinios audiovisuais Rías Baixas Acción.



