HomeXunta de GaliciaA Xunta pon como exemplo en Córdoba a xestión sostible dos parques...

A Xunta pon como exemplo en Córdoba a xestión sostible dos parques naturais galegos para conservar a biodiversidade

- Anuncio -spot_img
  • Marisol Díaz indica que preservar os ecosistemas e as especies autóctonas evita a súa extinción, mantén o equilibrio ecolóxico e mellora a resiliencia ante riscos como fenómenos climáticos extremos, pragas ou incendios
  • Fai fincapé na importancia de implicar ás comunidades locais na conservación destes espazos polo valor engadido que supón o seu mellor coñecemento do territorio e polo maior compromiso no cumprimento nas medidas de preservación
  • A directora xeral destaca a transcendencia de conxugar a protección dos espazos naturais co desenvolvemento de actividades socioeconómicas vencelladas a eles

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, puxo como exemplo a xestión sostible dos parques naturais galegos para conservar a biodiversidade da comunidade.

Durante a súa intervención na mesa redonda A xestión autonómica dos espazos naturais: desafíos e perspectivas, no marco de Expo Aire -Feira de espazos naturais-, a directora xeral incidiu en que estas áreas contribúen de xeito moi importante a preservar os valores naturais, a flora e a fauna autóctonas.

Nesa liña, a directora xeral explicou algunhas das accións levadas a cabo nos parques naturais galegos para garantir a preservación da biodiversidade e consolidar a resiliencia da comunidade. Entre outras actuacións, abordou a restauración ecolóxica levada a cabo no Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán para protexer a integridade das dunas do avance dun bosque de pino.

Tal e como indicou Marisol Díaz, “preservar os ecosistemas e as especies autóctonas evita a súa extinción, mantén o equilibrio ecolóxico e mellora a resiliencia ante riscos como fenómenos climáticos extremos, pragas ou incendios”.

A maiores, a directora xeral tamén fixo fincapé na importancia de implicar ás comunidades locais na conservación destes espazos tanto polo valor engadido que supón o seu mellor coñecemento do territorio como polo maior compromiso no cumprimento nas medidas de preservación.

De feito, esa participación pública é fundamental para garantir o equilibrio entre a protección do patrimonio natural e o desenvolvemento social e económico sostible das contornas dos espazos protexidos.

Actividades respectuosas

Nese senso, a directora xeral avogou por un emprendemento sostible a través de actividades respectuosas co medio ambiente como, por exemplo, a comercialización de produtos locais, a promoción do ecoturismo ou o desenvolvemento de iniciativas innovadoras como o proxecto deseñado para Salgueiro, no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, que pretende convertela na primeira aldea saudable do mundo.

Na mesma liña, Marisol Díaz incidiu na necesidade de informar, concienciar e activar á cidadanía na protección do medio ambiente e asegurou que os parques naturais son fundamentais para promover esa sensibilización ambiental ao converterse no mellor escenario para entender o valor dos ecosistemas.

A representante da Xunta tamén abordou cuestións como as poboacións de especies como o lobo, que nalgúns espazos exerce de regulador da abundancia doutros animais como poden ser o xabaril ou o coello. Non obstante, lembrou que é fundamental ter en conta que a súa presenza pode xerar conflito co sector gandeiro, polo que a chave debe ser acadar a convivencia entre as partes e velar tanto polos intereses medioambientais como polos socioeconómicos existentes nos distintos espazos.

Publicacións Relacionadas