HomeLugoA UlloaA alcaldesa Pilar García reúnese co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño,...

A alcaldesa Pilar García reúnese co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para desbloquear o novo Centro de Saúde de Antas de Ulla

- Anuncio -spot_img

•A rexedora logra compromisos firmes da Xunta: nova licitación no primeiro trimestre de 2026 e reparación urxente da cuberta do actual centro

O Concello de Antas de Ulla informa de que a alcaldesa, Pilar García, mantivo esta tarde unha reunión institucional co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para abordar a situación do novo Centro de Saúde, unha infraestrutura sanitaria estratéxica para o municipio e cuxo avance se viu freado por causas alleas ás administracións.

Durante o encontro, o conselleiro explicou con total transparencia que a empresa adxudicataria —única licitadora no seu momento— se atopa actualmente en situación concursal, o que imposibilita o inicio das obras previstas e obriga a reiniciar o procedemento. A Xunta comprometeuse a lanzar unha nova licitación no primeiro trimestre de 2026, asumindo como prioritaria a reactivación deste proxecto.

A alcaldesa trasladou ao conselleiro a importancia de axilizar ao máximo os trámites, lembrando que o Concello xa puxo á disposición da Xunta os terreos e cumpriu con todas as obrigas administrativas necesarias. García amosou a súa satisfacción pola boa
disposición, claridade e colaboración institucional amosadas por Gómez Caamaño, que garantiu un marco de comunicación fluída durante todo o proceso.

Compromiso da Xunta para reparar a cuberta do actual Centro de Saúde

Dado que o actual Centro de Saúde presenta deficiencias graves na cuberta, con filtracións continuadas e problemas estruturais que superan o mantemento básico, Pilar García solicitou unha intervención urxente para garantir a seguridade e o benestar de profesionais e pacientes mentres non se constrúe o novo edificio.

O conselleiro anunciou que nas próximas datas se desprazará un técnico da Consellería para realizar unha avaliación detallada da cuberta e determinar unha actuación de reparación que inclúa, previsiblemente, a substitución das suxeccións e a revisión integral da estrutura, asegurando a súa estabilidade durante os próximos anos de uso.

A alcaldesa destacou que “non falamos dunha reparación menor, senón dunha intervención imprescindible“, porque, polo menos durante dous anos, teremos que continuar no actual centro. Agradezo a sensibilidade e a prontitude do conselleiro para atender esta necesidade”.

Un diálogo construtivo e centrado na xestión útil

Pilar García subliñou o clima de colaboración mantido durante a reunión ao afirmar que “o importante hoxe é que temos un compromiso claro: nova licitación no primeiro trimestre de 2026 e arranxo inmediato da cuberta. Seguimos facendo xestión, seguimos nas administracións e seguimos defendendo Antas de Ulla con feitos”.

O Concello de Antas de Ulla continuará traballando man a man coa Consellería de Sanidade para que o novo Centro de Saúde sexa unha realidade canto antes, reforzando así a atención primaria e garantindo servizos públicos de calidade para toda a veciñanza.

Publicacións Relacionadas